A Xunta aborda coa Fegamp a colaboración institucional para a posta en marcha da nova rede de concellos contra o acoso escolar
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- O conselleiro de Educación recibe ao presidente da entidade local para afondar nesta medida a prol da convivencia nas aulas aprobada no Debate sobre política xeral
- Román Rodríguez subliña que o acoso escolar "é un problema complexo" que cómpre abordar desde unha "perspectiva integral" e unha "responsabilidade compartida"
- Esta rede permitirá artellar recursos, compartir boas prácticas e ofrecer apoio coordinado aos centros, ás familias e ao alumnado para unha resposta áxil e eficaz
Estas imágenes pertenecen a Página Oficial de la Xunta de Galicia
Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2025
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, reuniuse hoxe co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, para comezar a traballar na posta en marcha da futura Rede de concellos contra o acoso escolar co fin de previr este tipo de situacións. Esta iniciativa é unha das accións aprobadas no Debate sobre política xeral celebrado en abril no Parlamento de Galicia.
Román Rodríguez, acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, destacou que as políticas en prol da boa convivencia nos centros "son unha prioridade" para a Xunta, pero é necesario intensificar o traballo "de xeito coordinado e cooperativo" co resto das administracións e entidades co fin de abordar a loita contra o acoso "desde unha perspectiva integral" na que os concellos "poden xogar un papel moi relevante" na medida en que teñen un contacto máis estreito e directo cos seus cidadáns. Neste senso, gabou a dispoñibilidade do presidente da Fegamp para iniciar un camiño de diálogo conxunto neste eido en beneficio da infancia e a mocidade en particular, e do conxunto do sistema educativo en xeral.
Cómpre lembrar que o Goberno galego, a través da Estratexia galega de convivencia escolar, dotada con 5,5M€, conta cun marco xeral de loita contra o acoso que se materializa en distintas iniciativas, como o Plan integral e o protocolo contra o acoso, a posta en marcha dos puntos laranxa en todos os centros educativos, a macroenquisa bianual para testar o estado da convivencia nas aulas ou a formación específica para o profesorado, entre outros.
Agora, ao abeiro do Plan integral contra o acoso e o ciberacoso escolar, dáse un paso máis coa creación dunha Rede de concellos que se suma a este abano de iniciativas para seguir apostando na boa convivencia.
Poñer o foco na prevención
Así pois, esta rede permitirá articular recursos, compartir boas prácticas e ofrecer un apoio coordinado tanto aos centros educativos como ás familias e ao alumnado, garantindo unha intervención máis rápida e efectiva.
Esta estrutura de apoio territorial non só está pensada para intervir ante situacións de acoso, senón que fai especial fincapé na prevención co fin de garantir o benestar e o desenvolvemento integral do alumnado galego nun clima de convivencia positiva. A súa actuación centrarase en catro eixos principais que son a sensibilización, con campañas para xerar conciencia sobre as consecuencias do acoso; a prevención, promovendo espazos onde o respecto, a inclusión e a empatía sexan os piares da convivencia diaria; a formación axeitada dos profesionais que traballan cos rapaces para que saiban detectar sinais temperás de acoso, e a denuncia a través de ferramentas áxiles e sinxelas como poden ser os puntos laranxa que xa están nos centros educativos e que se instalarán tamén naqueles concellos que o soliciten.