A Xunta denuncia a desidia e falta de compromiso do Goberno central co transporte ferroviario en Galicia
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes interveu no Parlamento de Galicia, onde lembrou "os anuncios sen concrecións, as promesas incumpridas e as infraestruturas e servizos pendentes" por parte do Ministerio de Transportes
- Diego Calvo sinalou que, fronte á actitude do Executivo estatal, a Xunta traballa no transporte interurbano da súa competencia con 22.000 servizos específicos en 90 liñas no verán e a posta en marcha o próximo ano da Liña Conecta entre Ferrol e Lugo
- O Goberno galego traballa na licitación dos novos contratos de transporte escolar por máis de 90M€, que se ampliarán de 57 a 71 para fomentar a participación das pequenas empresas
Estas imágenes pertenecen a Página Oficial de la Xunta de Galicia
Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2025
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, compareceu hoxe no Parlamento galego, onde lamentou novamente a falta de compromiso do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible co transporte ferroviario en Galicia. Referiuse tanto a avarías, incumprimentos de horarios e fallos na web de Renfe constantes, como á supresión de servizos, ademais de seguir sen recuperarse os trens de medida distancia eliminados durante a pandemia da covid e sen ofrecer prazas suficientes. A isto súmase -engadiu- a limitación na venda anticipada nos billetes, que "evidencian os agravios comparativos do Goberno central con Galicia".
Canto á alta velocidade, lamentou que, pese ao aumento do número de viaxeiros do AVE entre Galicia e Madrid, o Executivo estatal mantén as mesmas conexións que en 2021 coa chegada do primeiro tren de alta velocidade a Ourense. Como outro exemplo da "falta de planificación e xestión" do Ministerio, sinalou os reforzos de Renfe para o verán que deixan desde onte a Ferrol sen a súa única conexión directa con Madrid, aumentos no tempo de espera en Lugo, e unha frecuencia menos en Vilagarcía e A Gudiña. Neste último caso, ademais, sen que haxa un enlace antes das 12,00 horas. Advertiu ademais do cambio de horarios en 16 servizos rexionais, Avant e media distancia, que tamén afectan aos enlaces de AVE Galicia-Madrid.
Na súa intervención, Diego Calvo enumerou as distintas "promesas incumpridas" por parte do Ministerio de Transportes con Galicia. Por exemplo, o interlocutor con Renfe para informar á Xunta das obras pendentes e incidencias ou o grupo de traballo para coñecer concrecións sobre o Plan Director do Corredor Atlántico. Nesta liña, incidiu na falta de implicación e compromiso do Executivo estatal nesta infraestrutura estratéxica, e tamén lembrou que están pendentes actuacións no Eixo Atlántico ferroviario, sobre todo na modernización da liña A Coruña-Ferrol e na conexión de alta velocidade Vigo-Porto.
No caso de Ferrol apelou a que Adif desbloquee o convenio para avanzar no proxecto da intermodal. Neste punto referiuse ao estudo impulsado pola Xunta con propostas de mellora da mobilidade e o transporte ferroviario en Ferrolterra, que aposta, ademais de polas melloras ferroviarias, polo desenvolvemento dun nodo intermodal que facilite a conexión entre diversos medios de transporte. Con este obxectivo, propón a reordenación e melloras na infraestrutura para reducir os tempos de viaxe a 45 minutos e mellorar a funcionalidade e seguridade viaria, cun investimento estimado de máis de 250 millóns de euros.
No que respecta á conexión con Portugal, insistiu en que non existe un cronograma claro e un programa de investimentos para a saída Sur de Vigo e, por descontado, a conexión con Bouzas, así como para o tramo entre O Porriño e a fronteira portuguesa, se ben advertiu que, coa execución actual, "é imposible cumprir os prazos comprometidos polo Goberno central de que Galicia e Portugal estean conectadas en 2032".
Ademais, esixiu modernizar a conexión con Portugal en Tren Celta, electrificar o tramo Monforte-Lugo e arranxar a liña do Miño para evitar as habituais incidencias polo seu deterioro, ao igual que ocorre na rede de ancho métrico Ferrol-Ribadeo. "Máis exemplos da desidia do Goberno central", afirmou o conselleiro.
Transporte público de Galicia
Fronte á actitude do Goberno central co transporte ferroviario, a Xunta contrapón o traballo realizado no transporte público interurbano de competencia autonómica cunha taxa de crecemento anual desde 2021 do 17,20% e 3,4 millóns de viaxes en marzo, un 12% máis que no mesmo mes do ano pasado. O conselleiro atribúe este incremento ao Plan de transporte público de Galicia, que multiplicou por catro o número de liñas ata as 3.600, triplicou as paradas ata as 58.000 e incrementou nun 60% as frecuencias ata os 2,36 millóns.
Trátase dun plan "sostible, eficiente, útil e accesible" que tamén se pretende que sexa "o máis económico posible para as persoas usuarias". Por iso, a Xunta mantén bonificacións a través da Tarxeta de Mobilidade de Galicia (TMG), así como da Tarxeta Xente Nova e a Tarifa +65. Estas dúas últimas ofrecen ata 60 viaxes mensuais de balde a menores de 21 anos e maiores de 65, o que implicou no primeiro cuadrimestre de 2025 un aforro para as familias de case 2,2 millóns de euros polo uso da Tarxeta Xente Nova e case 1 millón de euros por empregar a Tarifa +65.
Nesta liña, sinalou que desde o 1 de xullo as achegas do Estado ao financiamento das bonificacións en autobús aos usuarios xerais pasan do 30% ao 20%, mentres que a Xunta manterá o 20%, tal e como se comprometeu. Ademais, manterá tamén a gratuidade dos menores de 21 anos e os maiores de 65.
O conselleiro lamentou que o Ministerio de Transportes se negase a convocar a Conferencia sectorial de transportes para tratar a proposta do novo mapa concesional das liñas de autobús estatal que, en Galicia conta con 22 concellos afectados e 90 rutas e 87 paradas eliminadas.
Servizos específicos durante o verán e transporte escolar
Por outra parte, o conselleiro de Presidencia anunciou que desde o 1 de xullo ao 30 de setembro activaranse 22.000 servizos específicos durante o verán nun total de 90 liñas. Deste xeito, a Xunta dá resposta ao incremento de desprazamentos na época estival a espazos naturais como a praia das Catedrais ou o parque natural das Fragas do Eume; a festas, verbenas e festivais; ou a praias e parques acuáticos.
Tamén se reforzarán os autobuses na comarca no Salnés e a súa conexión con Pontevedra; os servizos nocturnos durante as fins de semana para poder desprazarse nos traxectos Marín-Pontevedra, Baiona-Vigo e o corredor O Grove-Sanxenxo-Pontevedra, e aqueles especialmente indicados para atender as demandas dos peregrinos. Ademais, prevense servizos e axustes nas Rías Baixas, en concreto, na Illa de Arousa cunha liña de interese municipal (SIMU) para atender a demanda, ao igual que en Nigrán e Sanxenxo, e con reforzos en Cangas para conectar coas praias.
No marco das actuacións do transporte de competencia autonómica, a Xunta, como avanzou o conselleiro, tamén está a traballar na próxima licitación do transporte escolar. O importe da licitación dos contratos ascenderá a máis de 90 millóns de euros, un 9,8% máis que a contratación de 2021, con 1.490 liñas de transporte escolar e 2.000 de transporte compartido para garantir o servizo a case 81.000 alumnos de ensinanzas obrigatorias. Diego Calvo explicou que, como novidades, ampliarase o número de contratos de 57 a 71 para fomentar a participación das pequenas empresas ao mesmo tempo que se integrarán algúns servizos nas liñas de transporte compartido que darán cobertura a mais usuarios xerais, reordenaranse lotes e fusionaranse ou dividiranse contratos.
O conselleiro de Presidencia anunciou durante a comparecencia que o próximo ano se prevé a posta en marcha da nova Liña Conecta Ferrol-As Pontes-Lugo para unir ambas cidades en 1 hora e media. A proposta inicial contempla activar dous servizos por sentido de luns a domingo, ata acadar 28 servizos semanais que se suman aos 21 actuais, o que supón un total nesta liña de 49 servizos semanais.
Por último, no tocante ao transporte aéreo, Diego Calvo calificou de "despropósito" que o Goberno central pretenda que a Xunta e os concellos asuman o impulso dos aeroportos galegos. Así, apuntou que é necesario que Aena lidere unha planificación coordinada dos tres aeroportos galegos e que, ao mesmo tempo, se recuperen as frecuencias previas á covid en lugar de eliminarse destinos e que non continúe o incremento de prezos que dificulta o acceso ás viaxes en avión.