A Xunta emite declaración de impacto ambiental favorable sobre o proxecto para unha nova planta de residuos de construción no concello de Mazaricos
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- A resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático non prevé que a instalación teña impactos significativos sobre a contorna sempre que se cumpran os condicionantes fixados no propio informe autonómico e na documentación avaliada
- A instalación requirirá da construción dunha lousa de formigón de 180 m2 na que se localizará unha planta móbil para reciclar ou valorar este tipo de refugallos
Estas imágenes pertenecen a Página Oficial de la Xunta de Galicia
Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2025
A Xunta ditou declaración de impacto ambiental (DIA) favorable sobre unha planta de valorización de residuos de construción e demolición no concello de Mazaricos, condicionada, en todo caso, a que se cumpran tanto o recollido no estudo de impacto ambiental e no resto da documentación avaliada, como os condicionantes e o programa de vixilancia que figuran na presente DIA.
Así consta na resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, que conclúe que, tendo en conta todo o anterior, esta iniciativa empresarial, promovida por Excavaciones Yoni Tuñas SL, é ambientalmente viable.
Neste sentido, a DIA foi elaborada no marco do procedemento de avaliación de impacto ambiental ordinaria do proxecto, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a participación pública, cun resultado de seis organismos consultados e sen que se recibira ningunha alegación ao expediente.
Froito das consultas realizadas, a maioría dos informes emitidos realizaron a valoración correspondente e estableceron unha serie de condicionantes que se engaden aos incluídos no propio programa de vixilancia ambiental que recolle a resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade.
Neste sentido, todos os organismos consultados consideran que o proxecto non vai ter impactos significativos nos distintos eidos analizados, e que sería viable a súa posta en marcha sempre que se cumpra con certos condicionantes establecidos nos seus respectivos informes con relación a aspectos tales como a protección da atmosfera, poboación e saúde; augas e leitos fluviais; xestión de residuos ou protección da fauna, vexetación e hábitats, entre outros.
Unha vez emitida esta declaración, que non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente exixibles para poder desenvolver o proxecto, remitirase a resolución ao órgano substantivo e daráselle publicidade a través do Diario Oficial de Galicia e da páxina web da Consellería.
A instalación localizarase nunha parcela na parroquia das Maroñas e tal e como consta no estudo de impacto ambiental presentado polo promotor, para a súa posta en marcha será necesario construír unha lousa de formigón de 180 m2 de superficie.
A xestión dos residuos non perigosos de construción e demolición realizarase de dúas formas diferentes. A primeira, e tamén a máis común, farase no propio lugar das obras, utilizando con tal fin unha pequena planta móbil (machacadora) para valorizalos e reutilizalos de forma inmediata in situ como material de recheo. A segunda, para a que se utilizará a planta obxecto de avaliación ambiental, permitirá reciclar ou valorar os residuos sobrantes coa mesma machacadora móbil localizada na parcela formigonada, onde tamén serán almacenados para a súa posterior reutilización.
Importancia da declaración de impacto ambiental
Cómpre lembrar que o obxectivo dunha DIA é avaliar a integración dos aspectos ambientais de cada proxecto e determinar as condicións que deben establecerse para a adecuada protección do territorio e dos recursos naturais tanto durante a execución e explotación como no cese ou desmantelamento das distintas iniciativas.
De feito, calquera proxecto industrial ten un impacto no territorio, pero os seus efectos non poden ser significativos, polo que a DIA é o instrumento encargado de determinar como e de que xeito se poden minimizar, compensar ou mesmo restaurar as zonas afectadas pola súa posta en marcha e durante o seu funcionamento futuro.
Estamos ante un trámite do máis exixente como demostra o feito de que a maioría das declaracións ambientais favorables emitidas pola Xunta inclúen condicionantes xerais e particulares así como un plan de vixilancia que é de aplicación ao proxecto e cuxo seguimento corresponde ao órgano substantivo.