120 estudantes de centros educativos do Xurés coñecen o Parque Nacional das Illas Atlánticas no marco do programa da Xunta 'Parqueando Galicia'
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- Ángeles Vázquez anuncia que o vindeiro curso esta actividade se ofrecerá a centros de ensino localizados na área de influencia doutro parque natural e estúdase ampliar esta iniciativa para que colexios do ámbito do Parque Nacional tamén poidan coñecer outros espazos naturais protexidos de Galicia
- A conselleira tamén participou na quinta Xornada de convivencia de persoal dos parques naturais galegos na que participan axentes ambientais de todos estes espazos protexidos da comunidade, así como do Parque Nacional
- A Xunta está a impulsar un plan de acción integral na rede galega de parques naturais, cun investimento de 18,5 M€ co obxectivo de contribuír á preservación, conservación e mellora destes espazos protexidos, ao tempo que pon en valor o seu papel como elemento clave para incrementar a resiliencia da Comunidade

Vigo, 6 de xuño de 2025
120 estudantes de centros educativos de Lobios, Muíños e Bande visitaron esta mañá as illas Cíes no marco do programa Parqueando Galicia da Xunta, que ten como obxectivo que alumnado da contorna dun parque natural da Comunidade coñeza o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas.
Segundo dixo a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, que acompañou aos escolares na súa visita, esta iniciativa busca que a rapazada que vive na contorna dun parque natural, como neste caso é o Xurés, poida descubrir a riqueza natural, cultural, paisaxística e etnográfica das Illas Atlánticas.
Nesta primeira ocasión, os centros que participan nesta actividade foron o CEIP Plurilingüe do Xurés, de Lobios; o CEIP Valle Inclán, de Muíños, e o CEIP Xaquín Lorenzo Fernández Xocas, de Bande, que organizaron o transporte do alumnado, de entre 3 e 12 anos, ata a cidade de Vigo mentres que a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático se ocupou do traslado ata as illas Cíes, así como da organización e desenvolvemento de diversas actividades.
Nese senso, Ángeles Vázquez anunciou que o vindeiro curso esta actividade se ofrecerá a centros educativos localizados na área de influencia doutro parque natural e avanzou que se estuda a posibilidade de ampliar esta iniciativa para que colexios do ámbito do Parque Nacional tamén poidan coñecer outros espazos protexidos da Comunidade.
Xornada de convivencia de axentes ambientais
Ademais de acompañar aos escolares ourensáns, a conselleira tamén asistiu á quinta Xornada de convivencia de persoal dos parques naturais galegos na que participan axentes ambientais de todos estes espazos protexidos da comunidade, así como do Parque Nacional. Ángeles Vázquez explicou que este encontro ten como obxectivo "favorecer o intercambio de experiencias e coñecementos entre o persoal adscrito a estas áreas protexidas".
Esta é a quinta ocasión na que se produce este encontro e este ano optouse por celebralo nas Illas Atlánticas, despois de que en edicións pasadas se fixese no parque natural do Invernadeiro (2021), nas Fragas do Eume (2022), no Monte Aloia (2023) e no Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán (2024).
Neste caso, a conselleira e os axentes participantes coñeceron os traballos desenvolvidos no marco do proxecto Life Insular, no que participa o Parque Nacional xunto con illas de Canarias e Irlanda e que busca garantir un estado de conservación favorable dos hábitats insulares. En concreto, elimináronse especies alóctonas e aumentouse a superficie cuberta por hábitats insulares a través da restauración con plantas propias.
Plan de acción integral
Durante a súa visita ás illas, a conselleira lembrou que a Xunta está a impulsar un plan de acción integral na rede galega de parques naturais co obxectivo de contribuír á preservación, conservación e mellora destes espazos protexidos, ao tempo que pon en valor o seu papel como elemento clave para incrementar a resiliencia da Comunidade fronte ao cambio climático e os seus efectos.
Cun investimento comprometido de 18,5 millóns de euros, financiados con fondos propios e europeos, serán un total de 30 actuacións entre obras, investimentos directos, proxectos de investigación e divulgación e ordes de axudas a executar este ano e o que vén, aínda que algúns deles xa se iniciaron o ano pasado e terán continuidade.