A Xunta completa a autorización das repotenciacións voluntarias de nove parques eólicos para suprimir 286 aeroxeradores e elevar a produción un 35 %
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- O Executivo galego asinou esta semana a autorización da última destas iniciativas, permitirá reducir de 25 a 4 as máquinas instaladas no parque Castelo, entre os concellos coruñeses de Coristanco, Tordoia, Santa Comba e Val do Dubra
- A Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático acurtou de xeito considerable os prazos de tramitación, culminando o proceso en menos dun ano desde a recepción do proxecto definitivo
- Estes nove proxectos supoñen un investimento global de máis de 320 millóns de euros, elevarán a produción de enerxía eléctrica en máis de 200.000 MWh/ano e evitarán a emisión á atmosfera de máis de 100.000 toneladas de CO2 á atmosfera

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2025
A Xunta de Galicia completou esta semana os trámites para a autorización dos nove proxectos de repotenciación voluntaria de parques eólicos recibidas entre finais de 2023 e comezos de 2024 e que permitirán suprimir 286 aeroxeradores do territorio galego así como, coa mesma potencia, incrementar un 35 % a produción de enerxía renovable. Trátase dun procedemento que destacou pola súa axilidade pois os prazos de autorización administrativa acurtáronse considerablemente, completándose en menos dun ano desde a recepción do proxecto definitivo e cumprindo así co mandato comunitario de axilizar as xestións e garantir que non se alongan máis de dous anos.
Os oito primeiros proxectos foron autorizados nos últimos meses e a autorización do noveno -do parque eólico Castelo- foi asinada esta mesma semana pola Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, polo que sairá publicada no Diario Oficial de Galicia nos vindeiros días. Ao abeiro desta iniciativa, que afecta aos concellos coruñeses de Coristanco, Tordoia, Santa Comba e Val do Dubra, eliminaranse un total de 21 aeroxeradores (pasando de 25 a 4) cun investimento de arredor de 23,5 millóns de euros.
Deste xeito, o promotor desmantelará os 25 aeroxeradores instalados neste parque e restaurará tanto as canalizacións como os camiños que queden sen uso. A autorización administrativa para proceder á repotenciación do proxecto Castelo suporá ademais a instalación de catro novos aeroxeradores e dunha liña eléctrica soterrada e a enerxía procedente do parque eólico recollerase nunha subestación transformadora próxima.
As nove repotenciacións permitirán reducir de 361 aeroxeradores a 75 os instalados na área de influencia destes parques e mellorar a súa eficiencia pola substitución das máquinas instaladas por outras máis modernas, de forma que con moitos menos aeroxeradores se poida garantir practicamente a mesma potencia e incluso incrementar de maneira substancial a produción renovable.
De feito, estímase que unha vez realizadas as melloras, estes nove parques eólicos pasarán de xerar 615.000 MWh/ano a 828.000 MWh/ano, o que equivale ao consumo eléctrico de máis de 230.000 familias (máis que a poboación da cidade da Coruña). A este beneficio engádese o ambiental, pois estas repotenciacións evitarán a emisión de máis de 100.000 toneladas de dióxido de carbono ( CO2) á atmosfera tras un investimento de 321 millóns de euros, dos que preto de 55 millóns de euros se corresponden con fondos europeos.
Deste xeito, a Xunta continúa avanzando no proceso de descarbonización e transición enerxética da comunidade aplicando o mesmo criterio que a UE, que considera as enerxías renovables de interese público superior -tanto se se tratan de proxectos de nova implantación como de melloras a realizar nos existentes- xa que contribúen a loitar contra o cambio climático, a seguridade e a saúde das persoas.
NOME | POTENCIA (MW) | N_AEROS INICIAL | N_AEROS FINAL |
CASTELO REPOTENCIACIÓN | 16,5 | 25 | 3 |
CORISCADA REPOTENCIACIÓN | 24 | 40 | 4 |
MONTE REDONDO REPOTENCIACIÓN | 49,5 | 66 | 12 |
MURAS REPOTENCIACIÓN | 47,3 | 74 | 11 |
NOVO REPOTENCIACIÓN | 18,75 | 25 | 6 |
SERRA DA PANDA REPOTENCIACIÓN II | 18,48 | 24 | 8 |
SOMOZAS REPOTENCIACIÓN | 49,95 | 81 | 9 |
SOTAVENTO REPOTENCIACIÓN PARCIAL (repot. de 3,44 MW) | 18 | 25 | 21 |
PENA GALLUDA | 3,45 | 1 | 1 |
TOTAL POTENCIA | 246,5 | 361 | 75 |