Ángeles Vázquez salienta a profesionalidade, rigor e servizo punteiro que ofrece o equipo de Meteogalicia como aval para asumir máis funcións no futuro
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- A conselleira lembra que a Xunta está a reclamar ao Goberno central o traspaso das competencias no eido meteorolóxico e que aspira a referendar a confianza que ofrece este servizo ampliando o seu labor ao abeiro da Lei do Clima
- O Executivo galego destaca a importancia de poñer unha ciencia útil, accesible e rigorosa a disposición do conxunto da cidadanía
- A titular de Medio Ambiente subliña que MeteoGalicia naceu nun momento no que non había teléfonos intelixentes, redes sociais nin intelixencia artificial e que foi incorporando as últimas tecnoloxías para optimizar as súas prestacións

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2025
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, salientou hoxe a profesionalidade, rigor e servizo punteiro que ofrece o equipo de MeteoGalicia como o mellor aval para asumir máis competencias no eido meteorolóxico no futuro. Por ese motivo, lembrou, Galicia está a reclamar ao Goberno central o seu traspaso, como xa fixo no caso de Euskadi.
A responsable autonómica puxo en valor durante o acto de celebración do 25 aniversario de MeteoGalicia, coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente, o importante traballo que realiza este servizo no seu día a día permitindo anticiparse aos episodios meteorolóxicos e marítimos adversos e demostrando a importancia de poñer a ciencia útil, accesible e rigorosa a disposición do conxunto da cidadanía.
Ángeles Vázquez subliñou que Galicia apostou no seu momento, coa creación no ano 2000 de MeteoGalicia, por facer ciencia propia e predicir cuestións fundamentais coas que mellorar a vida das galegas e galegos e ao mesmo tempo coñecer a evolución do clima para poder facer fronte ás consecuencias do quecemento global. Por iso, a comunidade aspira a referendar a confianza e seguridade que ofrece este servizo ampliando as súas funcións a través da Lei do clima.
Nese sentido, no acto deuse conta de que a Xunta xa ten practicamente listos todos os informes sobre o texto lexislativo e posteriormente remitirase á Asesoría Xurídica da Xunta e ao Consello Económico e Social para o seu visto bo e co fin de iniciar canto antes o trámite parlamentario.
A responsable autonómica, que estivo acompañada pola conselleira de Medio Rural, María José Gómez, e pola directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, destacou que MeteoGalicia ofrece máis que un servizo meteorolóxico pois fai de ponte entre a ciencia e a cidadanía, conta cun equipo comprometido coa excelencia, a innovación e a defensa do territorio e ten unha maneira galega de entender o mundo e anticiparse ao futuro.
De feito, lembrou que os seus profesionais -físicos, matemáticos, xeógrafos e meteorólogos, entre outros- realizan unha tarefa vital para actividades económicas como a agricultura, a gandaría, a pesca, o marisqueo ou o turismo, ofrecéndolles unha información que é vital para a súa planificación a curto e medio prazo.
Servizo punteiro
Neste sentido, o evento serviu para poñer en valor a evolución dun servizo que naceu nun momento no que non había teléfonos intelixentes, redes sociais nin intelixencia artificial e que desde entón investiu de forma decidida na mellora de infraestruturas, modernización da rede de observación, incorporación de tecnoloxía de vangarda e na creación de novos modelos de predición propios para optimizar as súas capacidades.
De feito, na actualidade MeteoGalicia conta con 161 estacións meteorolóxicas automáticas, seis boias mariñas para a observación do océanos, 48 estacións fixas e unha móbil para avaliar a calidade do aire, un radar meteorolóxico propio e un sistema avanzado de satélites, 35 cámaras web por toda Galicia, un conxunto de modelos numéricos e un equipo humano de máis de 25 profesionais de altísimo nivel.