Galicia organizará este ano un gran foro con todas as comunidades costeiras de España para compartir sinerxías e experiencias sobre a xestión do litoral
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- Este encontro engadirase ao cumio previsto en setembro cos 86 concellos galegos asentados na costa anunciado polo presidente da Xunta co fin de aproveitar os coñecementos e as capacidades das distintas administracións e entidades neste eido
- Ángeles Vázquez agradeceu aos responsables da Universidade de Santiago de Compostela e ao Consello Económico e Social a organización desta xornada e animounos a unirse ao Pacto galego polo litoral promovido polo Executivo galego
- A conselleira salientou que Galicia asume o reto de ordenar a costa como a autonomía con máis quilómetros de litoral, cunha importante cadea mar-industria e apostando polo equilibrio entre as vertentes medioambiental, económica e social
- O Goberno autonómico traballa xa en distintas cuestións para simplificar trámites, axilizar os procedementos e velar pola protección dos valores naturais e culturais existentes nas contornas marítimas
Estas imágenes pertenecen a Página Oficial de la Xunta de Galicia
Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2025
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, anunciou hoxe que Galicia organizará antes de que finalice o ano un foro ao que se invitará a todas as comunidades costeiras de España co fin de compartir sinerxías e experiencias sobre a xestión do litoral.
Este encontro -que se celebrará despois de que a Xunta asuma plenamente a ordenación da costa o vindeiro 1 de xullo- engadirase ao cumio previsto en setembro cos 86 concellos galegos do litoral e que onte mesmo anunciou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda. Estas xornadas, salientou a responsable autonómica durante a inauguración da I Xornada internacional de economía azul e ordenación do espazo litoral de Galicia, organizada pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e o Consello Económico e Social (CES), buscan aproveitar os coñecementos e as capacidades das distintas administracións e entidades na xestión da liña de costa.
Ángeles Vázquez, que impartiu o relatorio A Administración galega ante os desafíos que presenta a ordenación do litoral de Galicia, agradeceu á USC e ao CES que organizasen este evento e animounos a unirse ao Pacto galego polo litoral promovido pola Xunta, que busca facer partícipes ás forzas políticas, ao sector produtivo, ao ámbito académico e á sociedade galega en xeral dunha iniciativa que pretende consolidar á comunidade como referente europeo no eido da gobernanza costeira.
A este instrumento engádese o Foro do Litoral, que será un órgano colexiado clave de asesoramento e consulta en materia de ordenación no que participarán distintas administracións, universidades, organismos científicos, organizacións dos sectores produtivos, asociacións ambientais e outras vencelladas coa defensa e protección do patrimonio cultural da comunidade.
A conselleira congratulouse de que Galicia asuma a partir do 1 de xullo o control sobre todos os usos e actividades na costa, unha cuestión na que dispón das competencias, os coñecementos e os medios para afrontar a súa ordenación. De feito, incidiu, a comunidade asume o reto coa responsabilidade que supón ser a autonomía con máis quilómetros de costa de España -máis de 2.500- e cun complexo mar-industria dependente dela que aporta preto do 5% do PIB galego, o que dá idea de importancia das actividades desenvolvidas no litoral para o conxunto do territorio.
Simplificación e planificación
Nesta liña, a responsable autonómica lembrou que a Xunta está a traballar en distintas cuestións para dixitalizar e simplificar todos os trámites co fin de axilizar os procedementos e facilitar o labor dos administrados. Ao mesmo tempo, cóntase cunha ampla planificación de actuacións co fin de poñer en valor o litoral de Galicia e todos os valores patrimoniais existentes nel.
Entre elas está a senda que conectará a costa galega desde Ribadeo ata A Guarda e outras iniciativas como o programa de recuperación e rehabilitación de edificacións de patrimonio cultural do litoral -co acondicionamento de inmobles de especial valor arquitectónico, histórico e cultural-, a creación dunha rede de establecementos hostaleiros ou a mellora doutros establecementos turísticos asentados na costa.
O fin último do Executivo galego, destacou a conselleira, é realizar unha xestión do litoral asentada sobre a tripla vertente medioambiental, social e económica cun equilibrio entre esas tres patas co obxectivo de velar pola protección de todos os valores existentes na contorna e dos intereses do conxunto da cidadanía galega.