A Xunta financia novos equipamentos e melloras nas instalacións da Federación Galega de Confrarías
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- O conselleiro do Mar asinou un acordo coa entidade sectorial que recolle unha achega de 27.000 euros para a mellora da competitividade, fomento e promoción das confrarías de pescadores
- Entre as actuacións recollidas están a melloras na instalación eléctrica e accións formativas en informática e intelixencia artificial co obxectivo de afondar nas posibilidades que ofrece esta tecnoloxía
Estas imágenes pertenecen a Página Oficial de la Xunta de Galicia
Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2025
A Consellería do Mar colabora coa Federación Galega de Confrarías de Pescadores para financiar investimentos para a mellora da competitividade, do fomento e da promoción dos pósitos galegos. O acordo foi asinado polo conselleiro do Mar, Alfonso Villares, que puxo en valor o traballo que desenvolve esta entidade como interlocutor e representante dun sector estratéxico para a economía galega.
O responsable autonómico, acompañado pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, destacou que o convenio permitirá mellorar os equipamentos cos que conta na actualidade a federación. Así, recolle a adquisición de equipos informáticos para mellorar as reunións en liña, tamén a optimización da instalación eléctrica da sede da entidade e novo mobiliario, máis ergonómico, repercutindo positivamente na seguridade laboral dos seus traballadores.
Por outra banda, tamén inclúe a dotación dunha pantalla táctil intelixente para a aula na que se realizan accións formativas dirixidas ao sector. Nesta liña, contén a realización de novas accións formativas e divulgativas destinadas ás confrarías e aos seus membros a través dun curso de informática de intelixencia artificial. A finalidade e afondar nos coñecementos e posibilidades que ofrece esta tecnoloxía no ámbito da xestión dos pósitos galegos.
Alfonso Villares enmarcou este acordo na estreita colaboración entre o Goberno galego e esta entidade sectorial que conta con preto de 13.000 afiliados, entre empresas e traballadores, aglutinando a todos os subsectores da pesca, destacando especialmente o marisqueo e a pesca de baixura e artesanal. O titular de Mar destacou que este diálogo e traballo conxunto entre a Administración e os profesionais é o piar no que se sustenta a xestión pesqueira na comunidade, e louvou o peso da pesca no ámbito económico e social, destacando o seu papel para garantir a soberanía alimentaria.