Galicia completa a implantación do sistema de recollida separada de envases lixeiros coa adhesión do Concello da Coruña
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- A sinatura permitirá que o Goberno local vaia implantando paulatinamente o que sería o quinto contedor da cidade, facilitando que a veciñanza poida separar axeitadamente esta fracción e cumprir co que establece a normativa europea
- Ángeles Vázquez salienta que o Concello contará neste proceso coa colaboración da Xunta, que promove a aposta pola recollida selectiva de refugallos domésticos co fin de realizar unha óptima xestión dando prioridade á reciclaxe e á valorización
Estas imágenes pertenecen a Página Oficial de la Xunta de Galicia
A Coruña, 30 de maio de 2025
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, asinaron hoxe o protocolo de colaboración polo que o concello se adhire ao convenio marco que existe entre a comunidade autónoma e Ecoembes para a recollida separada de envases lixeiros, co que se completa a implantación da xestión desta fracción en toda Galicia ao estar a totalidade dos concellos adheridos ao convenio.
A responsable autonómica salientou que así o Goberno local implantará paulatinamente o que sería o quinto contedor da cidade, facilitando que a veciñanza da Coruña poida separar axeitadamente os envases lixeiros e cumprir co que establece a normativa europea en materia de xestión de residuos. De feito, a presenza do novo contedor nas rúas trasladará indirectamente á cidadanía unha mensaxe sobre o importante que é separar adecuadamente as distintas fraccións de lixo para o seu correcto tratamento.
Nesa transición, incidiu a conselleira, o Concello contará co apoio e colaboración da Xunta, que sempre promoveu a aposta pola recollida separada e selectiva dos refugallos domésticos co fin de realizar unha óptima xestión deles priorizando a reciclaxe e valorización da maior cantidade posible.
Ángeles Vázquez, que estivo acompañada pola directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, María José Echevarría, e pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, felicitouse por este fito pois pon fin a varios anos nos que a Xunta trasladou aos responsables municipais a relevancia de cumprir cos requisitos da recollida separada e a necesidade de que adaptase a súa xestión con ese fin, dado que a non separación das distintas fraccións impide a valorización.
Axuda aos concellos
Unha mostra da colaboración e apoio da Xunta aos municipios no eido da xestión dos residuos son as axudas convocadas para este ano e resoltas coa concesión de arredor de 12,5 millóns de euros a máis de 170 entidades locais para optimizar a xestión dos seus residuos e avanzar cara a un modelo de economía circular. Neste sentido, o Goberno autonómico concedeulle unha axuda de 13.500 euros ao Concello da Coruña para facilitar a axeitada xestión de residuos, concretamente para las instalacións dos chamados puntos limpos de proximidade.
Estas achegas enmárcanse no Plan de Xestión de Residuos Municipais de Galicia 2030, que conta cunha liña estratéxica integral de apoio e asesoramento, co fin de reafirmar a posición de Galicia como unha rexión comprometida coa innovación e a protección ambiental optimizando a xestión dos residuos e aspirando á ambiciosa meta de chegar a un escenario de cero refugallos.