A Xunta avanza na senda peonil entre Mollavao e os Praceres en Pontevedra, na que inviste 6,2 M€
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- A actuación consiste nun itinerario peonil de 3,5 quilómetros, seguindo a estrada vella a Marín, e a previsión da Administración autonómica é finalizala no 2026
- Allegue subliña que a senda transformará a estrada vella a Marín e mellorará a seguridade e accesibilidade dos desprazamentos da veciñanza e visitantes, ademais de poñer en valor esta contorna ao ofrecer un novo espazo de esparexemento e lecer
- A senda complétase con outras actuacións como a construción de 3 pasarelas, unha de máis de 120 metros sobre o rego de Louriñas; outra de 45 m sobre O Sartán e outra sobre A Gandarela, de 28 m
- Habilitarase unha glorieta á altura do Centro de Investigacións Forestais de Lourizán e o proxecto complétase coa mellora das paradas de transporte público e a renovación da iluminación do treito

Pontevedra, 30 de maio de 2025
A Xunta avanza nas obras da senda peonil que unirá Mollavao con Os Praceres no concello de Pontevedra, unha actuación que supón un investimento de 6,2 millóns de euros. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, supervisou hoxe os traballos, que a Xunta prevé finalizar no 2026.
Allegue destacou esta actuación "estrela" en materia de infraestruturas en Pontevedra, que tras o inicio das obras en outono está a coller ritmo e que vai transformar este viario cun itinerario accesible que chegará ata o veciño concello de Marín. A senda terá 3,5km (cun ancho entre 2,9 e 4 m) e cofinánciase con fondos europeos FEDER.
"É unha intervención -subliñou- que non só mellorará a seguridade e accesibilidade dos desprazamentos da veciñanza e visitantes, senón que sen dúbida tamén porá en valor esta contorna natural e urbana ao ofrecer un novo espazo de esparexemento e lecer".
A senda complétase con outras actuacións como a construción de 3 pasarelas, unha de máis de 120 metros sobre o rego de Louriñas; outra de 45 m sobre O Sartán e outra sobre A Gandarela, de 28 m.
Ademais, trátase dunha intervención que ten especial fincapé na seguridade, coa habilitación dunha glorieta á altura do Centro de Investigacións Forestais de Lourizán. Esta glorieta permite tamén realizar un cambio de sentido para dar acceso aos condutores que proceden de Marín e que queren acceder ao futuro aparcadoiro disuasorio (con 71 prazas).
O proxecto complétase coa mellora das paradas de transporte público e a renovación da iluminación do treito. "En definitiva, unha infraestrutura que supón un paso adiante na recuperación para as persoas desta estrada e deste itinerario tan relevante -engadiu Allegue-. Un espazo onde veciños, visitantes, e familias poidan camiñar, ir en bicicleta e desfrutar da paisaxe. E un espazo accesible tamén, como non podería ser doutro xeito, para persoas con mobilidade reducida".
A senda compleméntase coa humanización xa executada con anterioridade pola Xunta nesta mesma PO-546 en Estribela, de xeito que se acada un itinerario peonil seguro ata Marín, e que ten continuidade no propio concello marinense. Conxuntamente, o investimento suma máis de 9 millóns de euros, entre a obra que visitamos, as dúas fases levadas a cabo en Estribela, e a que está rematando en Marín.
Esta intervención forma parte do Plan de Sendas de Galicia, co que a Xunta leva xa acadados 300 km de itinerarios peonís e ciclistas nas marxes das estradas autonómicas. Un plan do que xa está en marcha a segunda fase para amplialas noutros 120km máis ata 2027.