Sanidade participa na clausura do proxecto Procure4Health para a creación dunha rede de compradores públicos de innovación sanitaria a nivel europeo
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- O proxecto contou cun orzamento de 5 millóns de euros financiados a través de Horizonte Europa
- Un total de 32 entidades entre as que está o Servizo Galego de Saúde e a Axencia Galega de Coñecemento en Saúde forman parte do consorcio

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2025
Membros da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), organismo dependente da Consellería de Sanidade, participaron os días 20 e 21 de maio no evento final do proxecto Procure4Health na sede da Fundación Carlos de Amberes, na cidade de Madrid.
Con esta conferencia final, que contou coa asistencia de máis de 150 asistentes representantes de servizos de saúde de 15 países europeos, incluíndo a 14 compradores públicos da UE, e unha asemblea xeral dos socios fundadores, porase fin ao proxecto da Unión Europea Procure4Health que deu comezo o 1 de xuño do 2022.
Durante estes tres anos, a través das diversas actividades levadas a cabo e da creación dunha rede de referencia para compradores públicos, os socios e participantes trataron de analizar e mitigar as diferentes barreiras existentes para que a UE expanda e xeneralice a ferramenta da Compra Pública Innovadora (CPI).
Durante estes anos comentáronse temas de diferenzas legais e de xestión, barreiras lingüísticas ou carencia das competencias adecuadas, entre outros temas, que se trataron de mitigar a través dunha base de datos consolidada, destinada ao intercambio de coñecemento, boas prácticas e procedementos de xestión, así como ao deseño de programas formativos.
O proxecto chegou a reunir a 33 socios de 15 países, incluíndo a 14 compradores públicos da UE. Por parte do Servizo Galego de Saúde liderou as actividades Javier Quiles del Río, subdirector de Sistemas na área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, e por parte da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde o seu director da área de Desenvolvemento e Innovación Sanitaria, José María Romero.
Galicia compartiu a súa extensa experiencia no ámbito da CPI con programas iniciais como Hospital 2050, InnovaSaúde ou Código 100; ou proxectos actualmente en marcha como INNOVATRIAL ou PRECISAÚDE. Esta traxectoria foi recoñecida en Europa como gañadores nos I premios de contratación pública de innovación polo Consello Europeo de Innovación (EIC).
Como derradeira actividade do proxecto cada entidade ou organismo participante está a realizar un plan de acción local coas indicacións básicas e chaves mestras nos próximos anos. No caso de Galicia, o plan está centrado na iniciativa de innovación sanitaria PRECISAÚDE centrada na medicina 5P e dotada con 20 millóns de euros para os próximos catro anos.
Priorizar os retos do futuro, establecer estruturas de gobernanza, a colaboración inter-departamental ou a necesidade de contar con equipos multidisciplinares, foron os eixos fundamentais do proxecto Procure4Health para que os procedementos da compra pública en innovación melloren nos servizos públicos de saúde e demais organizacións de I+D+i.