María José Gómez salienta o labor dos enxeñeiros agrícolas a prol do sector primario
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- A conselleira do Medio Rural participou esta noite na gala dos premios ao recoñecemento colexial San Isidro Labrador, organizada polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrícolas de Ourense
- Subliñou a aportación destes profesionais en ámbitos como os do asesoramento, a investigación, a mellora das técnicas agrícolas ou a estruturación do territorio

Ourense, 23 de maio de 2025
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, asistiu esta noite á celebración da gala dos premios ao recoñecemento colexial San Isidro Labrador, patrón dos agricultores, organizada polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrícolas de Ourense. Alí, puxo en valor o traballo deste colectivo profesional a prol do sector primario en ámbitos como os do asesoramento, a investigación, a mellora das técnicas agrícolas ou a estruturación do territorio.
Neste sentido, sinalou que esta profesión é unha "peza clave para fixar poboación nas vilas e pequenos núcleos de poboación". Cara ao futuro, a conselleira subliñou ademais que os enxeñeiros agrícolas desempeñan un papel esencial á hora de afrontar retos do medio rural vinculados ao cambio climático, a dixitalización e a implantación das novas tecnoloxías.
Así, Gómez indicou que o seu labor é fundamental para lograr novas técnicas de cultivos que optimicen os recursos naturais; para desenvolver a agricultura ecolóxica, cada vez máis demandada polos consumidores; para impulsar a innovación no sector agrícola e facelo cada vez máis sustentable ou para axudar no cumprimento de normativas cada vez máis esixentes.
Na súa intervención, a conselleira fíxose eco tamén da conmemoración dos 75 anos da creación do Consello Xeral de Colexios desta profesión, así como dos 170 anos da creación dos estudos encamiñados á obtención da correspondente titulación académica deste coletivo.