A Xunta reafirma o seu apoio á incorporación da muller en todos os ámbitos produtivos do rural galego
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- A conselleira María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, participou en Abegondo na inauguración da xornada Emprendemento Feminino na Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas
- A titular de Medio Rural debullou as diferentes medidas implementadas polo seu departamento a prol da muller, entre as que subliñou a súa prioridade nas axudas de incorporación, nos plans de mellora e no desenvolvemento de pequenas explotacións
- Salientou a formación como outro xeito de apoiar o emprendemento feminino no rural e lembrou que actualmente nos centros de formación e experimentación agraria dependentes da Consellería preto do 50% do alumnado está formado por mulleres

Abegondo (A Coruña), 22 de maio de 2025
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, reafirmou hoxe o apoio do seu departamento á incorporación da muller en todos os ámbitos produtivos do agro e en particular no sector primario. Gómez participou na apertura da xornada Emprendemento Feminino na Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas, que tivo lugar na sede desta entidade na localidade coruñesa de Abegondo e na que estivo acompañada pola directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana. A xornada foi organizada pola Federación de mulleres e familias do ámbito familiar (Amfar) e contou tamén coa presenza da súa presidenta, Catalina Rodríguez; e a do presidente da Reserva, José Antonio Santiso.
Neste foro, a conselleira do Medio Rural debullou as diferentes medidas implementadas pola Xunta a prol da muller, iniciativas como a súa prioridade nas axudas de incorporación, se se incorporan como titulares ou cotitulares de explotación. Tamén, nos plans de mellora e para o desenvolvemento de pequenas explotacións.
Así mesmo, Gómez explicou que, no caso da PAC, respecto das axudas da solicitude única, as mulleres teñen un incremento do 15% no pago de agricultores mozos e tamén un aumento do 15% de importe da reserva, e puxo en valor que isto, entre outros factores, permite que hoxe en día os datos de incorporación estean bastante parellos, sendo do 40% de mulleres fronte ao 60% de homes. Comprometeuse ademais a "seguir empuxando" para que o diferencial sexa o máis estreito posible.
A conselleira tamén subliñou ferramentas como o programa Leader, dedicado a emprendedores e pequenas empresas, que pode ser de especial interese para aquelas mulleres que queiran desenvolver a súa vida laboral en sectores empresariais que non teñan que estar necesariamente vinculados ao agro.
Formación para o emprendemento
Outro xeito de apoiar o emprendemento feminino no rural que foi destacado por Gómez é o da formación. Así, indicou que a Xunta conta cos centros formación e experimentación agraria, os CFEA. Lembrou que son seis en toda Galicia, nos que se imparten ciclos formativos directamente vinculados coa gandería, a agricultura e a silvicultura. Nesta liña, a conselleira puxo de relevo que o número de mulleres matriculadas nestes centros non deixa de medrar nos últimos anos. De feito, pasouse de 192 no curso 2021/22 a 219 no actual, de entre un total de 518 alumnos, é dicir, case estamos no 50%, remarcou.
En parecidos termos, Gómez salientou a importancia de foros como este de Abegondo para que todas aquelas mulleres que queren emprender, coñezan as ferramentas das que dispón a Administración para axudarlles. Recordou que as mulleres rurais, ao longo dos séculos, garantiron a supervivencia do que hoxe se considera un dos piares máis importantes da economía galega: o sector primario. Así que, "se hai un sector da poboación preparado para emprender, é o feminino", trasladou.