A Xunta remarca que nas próximas semanas se iniciarán as obras do hospital de día oncohematolóxico de Cee, que atenderá pacientes no último trimestre do ano
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- O director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde sinala que se está a traballar no deseño e programación deste hospital de día en colaboración estreita co servizo de oncoloxía do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña
- A creación deste novo servizo posibilitará á veciñanza da Costa da Morte acceso a tratamentos especializados sen necesidade de desprazamento ao hospital da Coruña nin de hospitalización prolongada
- Na actualidade, o Servizo Galego de Saúde conta con 12 hospitais de día oncohematolóxicos, cinco deles en hospitais comarcais, que teñen como beneficiarios das súas prestacións a preto de 235.000 cidadáns
- A aposta da Xunta polos hospitais comarcais reflíctese nun investimento de máis de 14 millóns de euros durante este ano para mellorar os e equipalos

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2025
O director xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, Alfredo Silva, remarcou hoxe, no marco da Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento, que nas próximas semanas se iniciarán as obras do hospital de día oncohematolóxico de Cee, que atenderá pacientes no último trimestre do ano.
Tal e como detallou o representante da sanidade pública galega, en vindeiras datas iniciaranse as obras de acondicionamento precisas, así como o subministro de equipamento para, posteriormente, realizar a adscrición de recursos humanos especializados. Na actualidade, estase a realizar o deseño e programación do hospital de día en colaboración estreita co servizo de oncoloxía do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.
O espazo onde se emprazará o hospital de día está situado na segunda planta do centro, entre as dúas áreas de hospitalización.
A creación desta nova prestación sanitaria posibilitará á veciñanza da Costa da Morte acceso a tratamentos especializados sen necesidade de desprazamento ao hospital da Coruña nin de hospitalización prolongada. Así mesmo, mellorará a calidade de vida dos doentes ao ofrecer tratamentos ambulatorios, o que lles permitirá poder recibir atención médica sen interromper significativamente a súa vida diaria.
Xunto ao anterior, a atención ambulatoria adoita ser máis eficiente que a hospitalización para determinados procesos asistenciais.
Outra das vantaxes do hospital de día sinaladas polo director xeral é que permite un enfoque multidisciplinar do tratamento do cancro, onde os pacientes poden recibir atención de oncólogos, hematólogos, persoal de enfermería e outros profesionais nun só lugar, o que facilita un seguimento máis próximo e unha atención máis coordinada e personalizada.
Plan asistencial e procedementos
Alfredo Silva explicou que as reformas necesarias, que se farán aproveitando o período estival para interferir o menos posible na actividade asistencial, implican unha redistribución do espazo dotándoo de zona de hospital de día con área de tratamento de pacientes; control de enfermería e zona de medicación e preparación de tratamentos; ademais de área de extracción sanguínea así como consulta asistencial e vestíbulo de acceso.
En canto aos recursos humanos, reforzaranse cun oncólogo médico integrado no servizo de oncoloxía do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña; unha enfermeira de hospital de día con cualificación e adestramento no manexo de vías, catéteres centrais, e administración de citostáticos; unha enfermeira da farmacia; un técnico en coidados auxiliares de enfermería; ademais de apoio de traballo social, saúde mental e administrativo.
Os procedementos que se realizará nese hospital de día son quimioterapia intravenosa ou subcutánea; hemoderivados e administración de determinados fármacos biolóxicos e inmunoterapia; extraccións e controis analíticos así como avaliacións médicas e seguimento.
Alfredo Silva sinalou que, inicialmente, se porán en marcha as prestacións asistenciais de consulta de seguimento dos procesos que non están a recibir tratamento activo, para os que o seu profesional de referencia deseña o plan de seguimento.
Tamén se porá en marcha a administración e seguimento de tratamentos de baixa complexidade, os controis de toxicidade, as valoracións e seguimento a través da interconsulta hospitalaria e a consulta de enfermería oncolóxica, entre outras prestacións sanitarias.
O director xeral estima que ao redor do 50 %-60 % dos pacientes da área de Cee poidan beneficiarse deste servizo e incidiu en que esta estimación pode variar en función dos cambios terapéuticos e evolución clínica dos doentes.
Tamén puxo en valor Alfredo Silva que, na actualidade, o Servizo Galego de Saúde conta con 12 hospitais de día oncohematolóxicos, cinco deles en hospitais comarcais (A Mariña, Monforte de Lemos, Valdeorras, Verín e O Salnés), que teñen como beneficiarios das súas prestacións a preto de 235.000 cidadáns. Explicou que coa implantación do servizo no Hospital Virxe da Xunqueira de Cee sumaranse 36.000 pacientes máis.
Estes hospitais de día oncohematolóxicos realizan máis de 126.000 sesións de diferentes procedementos ao ano.
Aposta polos hospitais comarcais
Alfredo Silva remarcou a aposta da Xunta polos hospitais comarcais, que se reflicte nun investimento de máis de 14 millóns de euros neste ano co obxectivo de melloralos e equipalos para reforzar a atención sanitaria nestas áreas.
No caso do Hospital de Cee, a Xunta vén de licitar as obras de conservación e limpeza da fachada, terrazas, cubertas e muro exterior, por un importe de máis de 300.000 euros, aos que hai que engadir os máis de 600.000 euros investidos na adquisición dos equipos máis modernos e avanzados.
De xeito paralelo, a Xunta está a traballar para cumprir o seu compromiso de poñer en marcha tamén o hospital de día oncohematolóxico do centro hospitalario de Barbanza, en Ribeira.