López Campos anuncia que a Xunta xa está resolvendo as primeiras solicitudes do Bono Emancípate para a mocidade
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- O responsable de Xuventude do Goberno galego subliña o "éxito" desta iniciativa, "como reflicten as 3.700 peticións recibidas, 1.300 no día da apertura do prazo"
- Lembra que estas axudas colaboran nos primeiros gastos do fogar da xente moza que se dan á hora de independizarse, sexa nunha vivenda alugada ou de propiedade
- Salienta que se destinan 2 M€ a esta liña de apoio que se complementa con outras medidas recollidas no Plan estratéxico de xuventude 2025-2027 con 700 M€
- Destaca que xa está aberta a inscrición no novo programa 'Galicia Moza con Alma' con estadías en países europeos para rapazada en situación de vulnerabilidade
- Confirma a futura construción de residencias xuvenís nas cidades da Coruña, Ferrol, Pontevedra e Santiago, que non contan con elas, e suporán 500 prazas máis
- Avanza que este verán se volverá contar cunha partida para colaborar nos custos que supón a obtención do carné de conducir
Estas imágenes pertenecen a Página Oficial de la Xunta de Galicia
Santiago de Compostela, 21 de maio de 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, anunciou hoxe que a Xunta xa está a resolver as primeiras solicitudes do Bono Emancípate, destinado a colaborar coa mocidade para sufragar os primeiros gastos que xorden á hora de independizarse, como pode ser a adquisición de mobiliario, electrodomésticos, diversos artigos do fogar ou os derivados do transporte da mudanza e das xestións de contratos a través de notarías e asesorías.
Así o adiantou en resposta a unha pregunta no Pleno do Parlamento de Galicia sobre o Plan estratéxico de xuventude que, entre as súas 133 medidas con máis de 700 M€ para executalas nos vindeiros tres anos, "recolle iniciativas na dirección de axudar as persoas máis novas a construír o seu proxecto vital na nosa terra".
Neste senso, López Campos puxo en valor a medida pioneira do Bono Emancípate "cun grande éxito nesta primeira convocatoria, como demostran as 3.700 solicitudes recibidas, 1.300 no mesmo día de apertura de prazo". "Os datos falan por si mesmos", remarcou ao tempo que considerou que "confirman o atinado da medida". En concreto, precisou que se recibiron 2.300 peticións para axudas en vivendas en réxime de alugueiro e 1.400 para as que son de propiedade.
O máximo responsable de Xuventude do Goberno galego lembrou que para acceder ao bono establecéronse unha serie de requisitos, como ter entre 18 e 35 anos, dispor dunha fonte regular de ingresos, estar empadroados na vivenda, contar cun contrato de alugueiro ou compravenda posterior a maio de 2024 ou cumprir con certos límites de renda. Deste xeito, as persoas que resulten beneficiarias poderán recibir axudas de ata 1.500 ou 3.000 euros a través dunha tarxeta moedeiro virtual.
En marcha o programa 'Galicia moza con Alma'
O conselleiro incidiu en que ademais de ferramentas para contribuír á emancipación da mocidade, o Plan estratéxico de Xuventude recolle accións "na liña de mellorar a súa formación e capacitación". Entre elas, enxalzou o novo programa Galicia moza con Alma con estadías formativas en países europeos para rapazada en situación de vulnerabilidade, e do que apuntou que xa ten aberto o prazo de solicitudes.
López Campos explicou que esta formación en empresas da Unión Europea está dirixida á mocidade en situación de exclusión social, con discapacidade, en paro ou do ámbito rural "coa que procuramos xerar unha maior igualdade de oportunidades". Desta forma, indicou que se procura que estes rapaces e rapazas "desenvolvan habilidades e competencias para o emprego, á vez que melloran e perfeccionan outros idiomas que lles permitan abrir máis portas no eido laboral".
500 prazas máis en residencias xuvenís
O titular de Cultura, Lingua e Xuventude destacou que o plan tamén inclúe como novidades a construción de residencias xuvenís nas cidades da Coruña, Ferrol, Pontevedra e Santiago, "que non contan con elas neste intre e suporán unhas 500 prazas novas", á vez que confirmou que este verán haberá unha nova convocatoria das axudas á xente moza para obter do carné de conducir.
"Trátase, en definitiva, dunha ampla serie de accións que melloren a calidade de vida, competencias e capacidades da xente nova, á vez que procuramos implicalos nesa construción dunha Galicia en grande á que aspiramos e que merecen", concluíu.
Campaña verán
Finalmente, no eido da formación e do lecer, o conselleiro fixo referencia "á maior oferta de prazas da historia en campamentos da Xunta para esta campaña de verán, ascendendo ata as 11.630, sumando seis novas experiencias". Ao respecto, indicou que xustamente se acaban de abrir estes días as prazas de inscrición daqueles dirixidos á mocidade galega entre os 18 e 30 anos que ofrecen, a través do programa de lecer saudable Conecta con Galicia no Camiño.