O Centro Dramático Galego e Mariña Lestón coproducen un espectáculo sobre a Costa da Morte que percorrerá o litoral con 17 funcións
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- 'Costa da Morte, cartografía dun naufraxio' estréase o 5 de xuño na Guarda como inicio dunha ampla xira por espazos singulares de toda a costa galega
- Esta proposta multidisciplinar, dirixida tanto a público adolescente como adulto, formúlase como unha viaxe pola historia marítima de Galicia a través de relatos reais e cantigas populares interpretadas en directo

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2025
Diferentes espazos singulares ao longo do litoral de Galicia serán o escenario dunha nova coprodución teatral do Centro Dramático Galego que, baixo o título Costa da Morte, cartografía dun naufraxio, ten xa programadas 17 representacións entre os meses de xuño e xullo. A creadora Mariña Lestón asina a dramaturxia, dirección e produción desta montaxe, que ela mesma pon en escena para propoñer unha viaxe pola nosa historia marítima a través de relatos reais e cantigas populares interpretadas en directo.
A implicación da compañía da Xunta neste proxecto multidisciplinar insírese na súa aposta para achegar o teatro a todo o territorio, seguindo a liña dos obxectivos fixados na Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia e como se fixo na campaña desenvolvida o pasado verán xunto a Teatro ó Cubo e o espectáculo De Vilatriste a Vilalegre, que percorreu un cento de espazos non convencionais do rural galego.
Da Guarda a Ribadeo
Desta volta, Costa da Morte, cartografía dun naufraxio busca poñer en valor o pasado marítimo de Galicia como parte dunha identidade propia, atopándose co público en faros, peiraos, praias e outros lugares de numerosas localidades costeiras no transcurso dunha xira que arrancará o vindeiro 5 de xuño na Guarda e durante a que poderá verse tamén en Ares, Arteixo, Cariño, Cedeira, Fisterra, Foz, Neda, O Grove, O Rosal, Ortigueira, Outes, Ribadeo, Sanxenxo, Soutomaior, Valdoviño e Viveiro.
Natural de Fisterra, Mariña Lestón medrou escoitando historias dos naufraxios ocorridos na súa zona, a Costa da Morte, que agroman agora nesta creación co obxectivo de manter viva esta memoria colectiva, lembrando as persoas que xa non están e dándolles visibilidade ás que quedaron en terra: as viúvas, as orfas, as que socorreron...
Para levar a escena esta proposta, pensada para público adolescente e adulto, conta coas achegas de destacados nomes do teatro galego, como Vanesa Sotelo, no apoio á dramaturxia; Cristina Domínguez, na asistencia vocal, e Carlos Alonso, na escenografía e vestiario. Ademais, o realizador Anxo Beiro asina a imaxe e audiovisuais do espectáculo, mentres que Xaime Beiro se encarga das proxeccións e o deseño gráfico. Jorge Álvarez, quen exercerá tamén de técnico en xira, é así mesmo o responsable da iluminación.
Tras a súa estrea o 5 de xuño ás 20,30 h. no Centro Cultural da Guarda, Costa da Morte, cartografía dun naufraxio poderá verse ese mes no peirao de Arcade (Soutomaior); o día 6 ás 21,30 h.; no espazo museístico Estaleiro do Ciprián (Outes) o día 7 ás 22,30 h.; nas inmediacións do faro de Punta Frouxeira (Valdoviño), o día 13 ás 22,00 h., na praza do Mar de Sanxenxo, o día 14 ás 22,30 h., na praza do Náufrago de Celeiro (Viveiro), o día 20 ás 22,30 h., na praza de Rinlo (Ribadeo), o día 21 ás 22,00 h., no Museo do Mar de Sorrizo (Arteixo), o día 27 ás 20,00 h., no paseo marítimo de Sardiñeiro (Fisterra), o día 28 ás 22,00 h. e no miradoiro de Monte de Ancos (Neda), o día 29 ás 22.30 h.
Xa en xullo, o espectáculo ten programadas funcións no faro de Cabo Ortegal (Cariño), o día 4 ás 22,30 h.; no porto de Espasante (Ortigueira), o día 5 ás 22,00 h.; na praza Conde de Fontao de Foz, o día 6 ás 22,00 h.: na praza de San Xián do Rosal, o día 8 ás 22,00 h., no Museo das Salgadeiras de Moreiras (O Grove) o día 10 ás 22,00 h., no parque Rosalía de Castro de Ares, o día 11 ás 22,30 h; e no Castelo da Concepción de Cedeira, o día 12 ás 22,30 h.
Estes lugares emblemáticos e cargados de historia ofrecen un escenario inmersivo que permitirá conectar o público co pasado a través desta montaxe, na que a música e as imaxes potenciarán tamén unha experiencia sensorial e emocional.