López Campos promove o audiovisual galego baixo a marca 'Films from Galicia' no mercado cinematográfico de Cannes
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- O Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude visitou o 'Marché du Film', o espazo dedicado á industria do sector que se desenvolve en paralelo ao festival francés
- Unha ducia de produtoras galegas operan estes días na que está considerada como a área de negocio audiovisual máis importante do mundo
Estas imágenes pertenecen a Página Oficial de la Xunta de Galicia
Cannes (Francia), 16 de maio de 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, visitou hoxe o Marché du Film, o mercado audiovisual que se desenvolve en paralelo ao Festival de Cannes, no que a Xunta está presente cun expositor identificado baixo marca Films from Galicia e desde o que se presta apoio á promoción dos últimos títulos producidos ou dos traballos en curso das empresas galegas do sector.
Acompañado polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, o titular de Cultura do Goberno galego contribuíu á actividade na procura de alianzas estratéxicas desenvolvida pola ducia de empresas galegas acreditadas no que está considerado como o espazo de negocio cinematográfico máis importante do mundo, tanto por afluencia como por repercusión de negocio, xa que a el acoden cada ano 15.000 profesionais e 4.000 proxectos.
A través de Films from Galicia promóvese unha completa panorámica da actual produción galega de cinema e televisión, reunida nun catálogo dixital especialmente deseñado para distribuír nos principais mercados do circuíto internacional. A compilación de 2025 presenta 62 novos títulos, dos que 15 foron estreados recentemente e os 47 restantes ultiman a súa chegada ás pantallas. Son, en concreto, 30 películas de ficción, 21 documentais, catro obras de animación e sete formatos televisivos asinados polos principais cineastas do país.
Longos aplausos na estrea de Sirat
López Campos desprazouse a Cannes para acompañar o realizador galego Oliver Laxe e o equipo da súa película Sirat, que esta pasada noite espertou gran expectación e concitou preto de 10 minutos de aplausos ao remate da estrea mundial que tivo lugar no Grand Théâtre Lumière dentro da selección oficial do prestixioso certame.
Tanto Sirat como Romería, o filme rodado en Galicia pola catalá Carla Simón, compiten pola Palma de Ouro nesta 78ª edición de Cannes, o que supón un fito histórico para o audiovisual galego. Son, ademais, as únicas producións españolas en competición oficial. As dúas longametraxes contaron con financiamento da Xunta a través de distintas liñas de subvencións para o sector: a destinada a producións e coproducións audiovisuais no caso de Sirat e a dirixida a atracción de rodaxes, no de Romería.
A participación artística galega en Cannes complétase con Fillos do vento. A rapa, proxecto de Brais Revaldería seleccionado xunto a outras oito obras de distintos países na competición inmersiva. O conselleiro de Cultura visitou tamén na tarde de onte a videoinstalación na que se amosa esta proposta que combina o formato de documental cinematográfico cunha innovadora experiencia dixital para lle achegar a Rapa das Bestas de Sabucedo ao público internacional.