A Xunta destina este ano 500.000 euros ao novo centro 24 horas de atención ás vítimas de violencia de xénero aberto no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- A delegada territorial da Xunta, Ana Ortiz, visitou as instalacións acompañada polo xerente da área sanitaria e o subdelegado do Goberno en Pontevedra
- Destaca o esforzo do Goberno galego para poñer en marcha cinco centros antes da data establecida "pese aos atrancos cos que nos atopamos todas as comunidades"
Estas imágenes pertenecen a Página Oficial de la Xunta de Galicia
Vigo, 16 de maio de 2025
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, visitou este venres o centro de crise para vítimas de violencia sexual do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, que abriu o pasado mes de decembro as súas portas e ao que o Goberno galego destina 500.000 euros en 2025. Este é un dos cinco puntos de atención especializada cos que xa conta Galicia, que están plenamente operativos e que prestan atención presencial e telefónica as 24 horas do día.
Na visita, a representante autonómica estivo acompañada polo xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente, e polo subdelegado do Goberno, Abel Losada. Tras o percorrido polas instalacións, a delegada fixo fincapé en que "unha vez máis, Galicia cumpre e fai os deberes" ao conseguir poñer en marcha os centros de crise dentro do prazo establecido, "pese aos atrancos cos que nos atopamos todas as comunidades".
Ana Ortiz lembrou que a Xunta de Galicia inviste 11M€ en poñer en marcha e garantir o funcionamento destes cinco centros, un máis dos que esixe Europa, e para poder ofrecer atención psicolóxica, xurídica e social ás vítimas de violencia sexual as 24 horas do día e todos os días do ano. Neste sentido, subliñou que os puntos de atención especializada dispoñen dun completo equipo profesional de carácter multidisciplinar, que integra persoal administrativo, traballadores sociais, psicólogos e xurídicos e que permite ofrecer atención integral nun mesmo recurso.
Esta asistencia está destinada a mulleres maiores de 15 anos vítimas e sobrevivintes de violencia sexual, tanto se se produciu de xeito recente, como se foi no pasado. Ademais, cómpre destacar que para obter esta atención especializada non é necesario interpoñer unha denuncia.
Máis recursos públicos contra a violencia
Ademais do centro de Vigo, que é o de referencia para a provincia de Pontevedra, na provincia da Coruña contan con outros dous no Hospital Gil Casares de Santiago e no Hospital Novoa Santos de Ferrol. O da provincia de Ourense está situado no PAC da rúa do Concello, e en Lugo, no Hospital Universitario Lucus Augusti. Todos eles están situados ao carón de servizos hospitalarios de urxencia, para facilitar a rápida asistencia e evitando a revitimización.
Con este novo servizo, Galicia dótase dunha ferramenta máis para facer fronte á violencia contra as mulleres e para ofrecer ás vítimas a atención psicolóxica, xurídica e social que merecen. Unha atención que se suma á que ofrecen os máis de 80 Centros de Información á Muller (CIM) para dar servizo a 200 concellos, e diversas entidades sociais, a través de convenios co Goberno galego.