A Xunta abre este venres e ata o 20 de xuño o prazo para solicitar as axudas á compra de libros de texto e material escolar
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- Esta convocatoria completarase co préstamo de libros a alumnos usuarios do programa E-Dixgal, que se regulará noutro procedemento
- Implantarase tamén unha nova desgravación fiscal para fogares de entre 10.000 e 30.000 euros de renda anual per cápita que se concretará proximamente

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2025
A Xunta abrirá este venres, 16 de maio, e ata o vindeiro 20 de xuño, o prazo para solicitar as axudas á compra de libros de texto e material escolar, así como para solicitar a inclusión no fondo de préstamo gratuíto. Ao abeiro desta tres ferramentas, todas as familias que cumpran cos requisitos terán cuberto de balde os libros e material que precisen para os seus fillos, case na súa totalidade, apoiando máis a quen máis o necesita para garantir a igualdade de oportunidades.
No actual curso, 163.023 alumnos tiveron libros de balde a través do fondo, das axudas para a compra de manuais ou do programa de libro electrónico, o que supón o 70% do alumnado das etapas obrigatorias. Deles, 126.754 accederon tamén a vales de material.
Esta convocatoria, que se publica mañá no Diario Oficial de Galicia, completarase co préstamo de libros a alumnos usuarios do programa E-Dixgal, que se regulará a través doutro procedemento. Ademais, implantarase unha nova desgravación fiscal por compra de libros e material escolar para fogares de entre 10.000 e 30.000 euros de renda anual per cápita, cuxos detalles se concretarán proximamente.
Solicitudes
A solicitude para as axudas á compra de libros, fondo e vales de material será única para todos os fillos e fillas que estuden no mesmo centro. Se estivesen escolarizados en centros distintos, presentarase unha solicitude en cada un dos centros. No caso de que a solicitude se tramite por vía electrónica empregando a aplicación fondolibros será necesaria a presentación dunha solicitude por cada alumno aínda que estean escolarizados no mesmo centro.
Presentaranse preferiblemente por vía electrónica, mediante o formulario dispoñible no Portal Educativo ou a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. De xeito opcional, poderá facerse de xeito presencial nos centros educativos ou en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Vales para material
No que atinxe aos vales para material, dirixidos a todas as familias con renda per cápita igual ou inferior aos 10.000€, mantéñense dúas categorías. Na primeira delas, para rendas per cápita iguais ou inferiores a 6.000€, o vale é de 75€. A segunda comprende as rendas superiores a 6.000€ e iguais ou inferiores a 10.000€, cun vale de 60€ por alumno.
O alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia, o alumnado de Educación Especial e o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo que teña recoñecido un grao de discapacidade igual ou superior ao 33% será beneficiario desta axuda polo importe máximo de 75 €, con independencia da renda.
Fondo de libros
O alumnado de todos os cursos entre 3º de Primaria e 4º de ESO poderá acceder ao fondo de libros. Aqueles con renda per cápita igual ou inferior a 6.000 euros teñen garantido o acceso a seis manuais; e no tramo de 6.000 a 10.000 euros, a catro. O alumnado en garda ou tutela da Xunta recibe seis libros con independencia da renda.
Tanto para acceder ao fondo como para recibir as axudas de libros e material é requisito fundamental devolver os libros do curso anterior. Ademais, nos casos nos que o centro deba adquirir algún libro adicional por non ser suficientes os existentes no fondo, o Goberno galego aboa por cada un 40€ en Primaria e 45€ na ESO.
Axudas para adquirir libros
No referido ás axudas á compra de libros de texto, mantense invariable o seu funcionamento xeral, cos mesmos tramos de renda, consolidando o incremento de cursos anteriores, de entre 20€ e 30€ en función da renda familiar.
No caso do alumnado de 1º e 2º de Primaria (non incluídos no fondo porque os libros non son reutilizables), así como no caso do alumnado do resto dos cursos de ensino obrigatorio que non poida empregar libros do fondo, a axuda do primeiro tramo (igual ou inferior a 6.000€) é de 240€ e a do segundo (renda superior a 6.000€ e igual ou inferior a 10.000€) de 160€, en Educación Primaria. No caso da ESO, os importes sitúanse en 270€ no primeiro tramo e 180€ no segundo.
Ademais, blíndanse axudas de 300€ para libros para todos os alumnos matriculados en Educación Especial -en centros específicos ou en unidades de Educación Especial de centros ordinarios-, así como para os de Primaria ou da ESO que, tendo necesidades específicas de apoio educativo e un grao de discapacidade igual ou superior ao 33%, non poidan utilizar os libros de texto do fondo. Percibirán este importe con independencia da renda per cápita da unidade familiar. Ademais, cando este último colectivo poida utilizar libros do fondo, recibirá o número máximo, seis, tamén con independencia da renda. Deste xeito, o Goberno autonómico adapta a orde de axudas aos requirimentos legais no que atinxe ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.
O alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta segue recibindo o importe do primeiro tramo, con independencia da renda, é dicir, 240€ en Primaria e 270€ na ESO.