A Xunta destina case 10M€ ao Plan anual 2025 de Cooperación Galega
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, compareceu hoxe no Parlamento de Galicia para dar a coñecer as principais liñas do Plan anual 2025 de Cooperación Galega
- Destacan como novidades as axudas trianuais por 1,8M€ dirixidas a programas de cooperación no exterior das ONGD ou a nova liña bianual por 1,2M€ para organizacións de defensa dos dereitos das mulleres

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2025
O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, compareceu hoxe no Parlamento para presentar as principais liñas de actuación do Plan anual 2025 da Cooperación Galega, que conta este ano cun aumento orzamentario de arredor do 10% con respecto a 2024. O Plan está dotado con case 10 millóns de euros, que permitirán continuar avanzando no cumprimento dos compromisos previstos no V Plan director da Cooperación galega 2023-2026 no terceiro ano de vixencia do mesmo.
Entre as principais novidades das actuacións previstas, Jesús Gamallo destacou a publicación dunha convocatoria trianual de subvencións para programas de cooperación no exterior das ONGD, dotada con 1,8 millóns de euros, con intervencións de maior duración, impacto e promedio de financiamento que os proxectos tradicionais. Ademais, incorporase unha nova liña de axudas, dotada con 1,2 millóns de euros, dirixida a organizacións de defensa dos dereitos das mulleres nas convocatorias bianuais de subvencións para proxectos de cooperación no exterior das ONGD.
Tamén destacou o incremento nun 66% e dun 20% da dotación, respecto ao ano 2024, da convocatoria anual de microproxectos e a convocatoria bianual de proxectos de Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global, respectivamente.
A Xunta segue a apostar, un ano máis, polas convocatorias públicas de axudas como principal instrumento de canalización de fondos, co fin de facilitar o concurso en concorrencia competitiva dos distintos axentes de cooperación. Neste sentido, estanse a destinar ás convocatorias máis dun 80% do orzamento operativo inicial de gasto. Do mesmo xeito, primaranse as actuacións das ONGD na xestión e canalización das axudas.
O plan, segundo sinalou o director xeral, tamén asegura unha liña financeira para axuda humanitaria ou de emerxencia que garanta que neste 2025 o Goberno galego poida responder cando se produza un chamamento internacional por mor dunha catástrofe ou crise humanitaria. Ademais dos 550.000 euros cos que se dotou a convocatoria de acción humanitaria, destinaranse máis de 300.000 euros a actuacións humanitarias e de emerxencia a través de convenios, como os que se van asinar coa Axencia de Nación Unidas para os Refuxiados Palestinos (Unrwa) ou con Unicef, para axuda humanitaria a Gaza e Cisxordania.
Cómpre lembrar que o Consello da Xunta aprobou o Plan anual 2025 o pasado 24 de febreiro, logo de ter recibido o visto e prace do Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento (Congacode), que emitiu un informe favorable na súa reunión do 11 de febreiro.
A comparecencia de hoxe enmárcase no cumprimento da Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia, que incorpora no seu articulado a necesidade de informar ao Parlamento da aprobación polo Consello da Xunta dos plans anuais da Cooperación Galega.