A Xunta abre a convocatoria de axudas para microproxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde, dotada con 150.000 euros e dirixida ás ONGD ou a outros axentes sociais dedicados á realización de actividades de cooperación para o desenvolvemento
- Financiaranse gastos relacionados con infraestruturas, materiais e de persoal imprescindibles para a posta en marcha da actuación
- O prazo para presentar as solicitudes comeza mañá e prolongarase un mes

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2025
A Xunta abre a convocatoria de axudas para microproxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior cunha partida de 150.000 euros. A iniciativa, publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia, está dirixida ás ONGD e a outros axentes sociais ou entidades que teñan entre os seus fins a realización de actividades de cooperación para o desenvolvemento.
En calquera caso, para ser beneficiario destas axudas débese estar inscrito no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento e non ter recibido ningunha subvención nas convocatorias para proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior nos últimos cinco anos ou non ter superado os 200.000 euros anuais de subvencións por parte das diferentes administración os tres anos anteriores.
A Xunta de Galicia financiará ata un 95% do orzamento total do microproxecto, sen superar como máximo os 30.000 euros. Cada entidade pode presentar unha única iniciativa e só se aceptarán aqueles microproxectos iniciados despois do 1 de xaneiro do 2025 e que finalicen antes do 31 de decembro do 2025.
Enténdese por microproxecto todas aquelas intervencións puntuais de cooperación e desenvolvemento no exterior que fortalezan a capacidade de resposta ás necesidades da poboación destinataria ou que complementen actuacións levadas a cabo por axentes de cooperación no mesmo territorio, cun prazo de execución inferior a un ano. Ademais, excluirase aos proxectos que non poidan asegurar a súa viabilidade cando cese o financiamento externo.
Entre os gastos subvencionables están aqueles imprescindibles para a posta en marcha da iniciativa como poden ser aluguer, construción ou adquisición de inmobles e infraestruturas necesarios para o proxecto; equipos informáticos, maquinaria ou mobiliario (o que inclúe o envío de material ou as posibles taxas aduaneiras); gastos de persoal; servicios técnicos profesionais, pólizas e seguros; viaxes e aloxamentos; ou custos de asesorías xurídicas, financieiras, rexistrais e periciais.
O prazo de presentación de solicitudes abre mañá e durará un mes. As entidades interesadas deberán presentar o seu microproxecto a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, xunto con documentación complementaria sobre a propia organización. As solicitudes que cumpran cos requisitos sinalados na orde serán avaliados seguindo os criterios e prioridades establecidos no V Plan director da Cooperación Galega.