Rueda defende a aposta prioritaria da Xunta pola vivenda pública tralo acordo asinado cos concellos de Lalín, Teo e A Estrada
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- Resalta o compromiso do Executivo autonómico con ofrecer "solucións reais" ao problema da vivenda e lembra que se traballa para "duplicar o parque público residencial" nesta lexislatura
- Asegura que a obriga das administracións é "cooperar, planificar, ter recursos e actuar" nesta materia
- Agradece a colaboración dos concellos e lembra que a vivenda "é unha responsabilidade compartida"
- A Xunta licitará hoxe mesmo os proxectos construtivos enmarcados no desenvolvemento deste acordo
Estas imágenes pertenecen a Página Oficial de la Xunta de Galicia
Lalín (Pontevedra), 6 de maio de 2025
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asinou hoxe un acordo de colaboración cos concellos de Lalín, Teo e A Estrada que permitirá a cesión gratuíta de parcelas nas devanditas localidades para a construción de inmobles de promoción pública. "Temos que ofrecer solucións reais ao problema da vivenda e iso pasa por cooperar, planificar, priorizar os recursos para este eido e actuar", indicou.
Grazas a esta cesión, a Xunta construirá 71 vivendas distribuídas entre as parcelas asignadas: 28 na avenida de Vigo, na Estrada; 17 na zona da Rolda Leste, en Lalín; e 26 na rúa Cernadelo, en Teo. Unha vez formalizada a cesión dos terreos, a Xunta asumirá a súa titularidade e, tal e como explicou Rueda, activará hoxe mesmo "o proceso de licitación dos proxectos construtivos".
Rueda destacou a importancia da colaboración entre administracións para avanzar na construción da vivenda pública en Galicia, unha aposta prioritaria para a Administración autonómica. "Ten que ser unha responsabilidade compartida", indicou porque "a vivenda non é un luxo senón un dereito tal e como recolle a Constitución".
O titular do Goberno galego enmarcou esta iniciativa nunha política integral e ambiciosa que, segundo indicou, busca duplicar o parque residencial da Comunidade, pasando de 4.000 a 8.000 vivendas públicas. A día de hoxe, subliñou, xa hai "máis de 2.000" en distintas fases de execución, tanto en cidades como en concellos medianos e pequenos. "Esa Galicia calidade que estamos a facer entre todos non será se non hai unha vivenda de calidade", salientou.
Entre as actuacións complementarias que a Xunta está a desenvolver, o xefe do Executivo autonómico mencionou a Estratexia Galega de Solo Residencial, que facilitará solo para 25.000 novas vivendas (das cales 20.000 serán protexidas), os Proxectos de interese Autonómico en sete grandes concellos, e medidas fiscais e financeiras para promover o alugueiro social e a rehabilitación de vivendas.
Tamén destacou o traballo que se está facendo para mobilizar o parque de vivendas existente, cun enfoque especial no alugueiro social e a recuperación de inmobles baleiros.