A Xunta e a Fundación Galega contra o Narcotráfico reafirman o seu esforzo conxunto na loita contra o tráfico de drogas
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o presidente da Fundación, Manuel Antonio Couceiro, asinaron hoxe un novo convenio de colaboración
- O Goberno galego achega 34.000 euros para apoiar o traballo das autoridades e axentes xudiciais na xestión de bens incautados, a prevención do consumo e o apoio a persoas drogodependentes e ás súas familias
Estas imágenes pertenecen a Página Oficial de la Xunta de Galicia
Santiago de Compostela, 5 de maio de 2025
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o presidente da Fundación Galega contra o Narcotráfico, Manuel Antonio Couceiro, reforzaron hoxe o seu compromiso na loita contra o tráfico de drogas a través dun novo convenio de colaboración. Segundo o acordo establecido, o Goberno galego aportará 34.000 euros, 2.000 euros máis que no anterior convenio, para apoiar á fundación, ás autoridades xudiciais e ás forzas e corpos de seguridade do Estado en Galicia no desenvolvemento das súas tarefas. No acto de firma estivo tamén presente o director xeral de Xustiza, José Tronchoni.
O obxectivo deste convenio é continuar a colaboración entre a Xunta e a Fundación Galega contra o Narcotráfico, que comezou en 2015, para implantar fórmulas que optimicen a xestión dos bens decomisados ao narcotráfico e delitos conexos e financiar liñas de traballo que a fundación desenvolve na súa loita contra o tráfico de drogas.
Na xestión de bens incautados, a Fundación contra o Narcotráfico colabora e reforza as actuacións coas autoridades xudiciais e outros axentes implicados para desenvolver da mellor maneira posible as tarefas de xestión, depósito e realización anticipada dos bens mobles incautados mediante a organización e o seguimento destas actuacións en procesos de narcotráfico e delitos conexos instruídos en Galicia.
Ademais, noutras liñas de traballo, este acordo serve para continuar impulsando campañas de sensibilización fronte ao narcotráfico, especialmente en zonas onde o consumo de drogas presenta maior índice de incidencia, así como formar redes de apoio e acompañamento a persoas drogodependientes e aos seus familiares. Tamén axuda a levar a cabo iniciativas como Panos brancos contra a droga, que impulsa torneos deportivos en coincidencia co Día Internacional contra a Droga instaurado pola ONU ou a organización de foros técnicos e profesionais, así como a recente Gala de premios da Fundación, que recoñece o esforzo das autoridades na loita contra as drogas.