A Xunta acada o 67% da 1ª fase do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, que inclúe a construción de dous novos edificios anexos ao Hospital Arquitecto Marcide
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- O investimento desta primeira fase da ampliación do CHUF supera os 60M€ e a estimación apunta que os edificios Leste e Sur do Marcide estarán finalizados no 2026
- De xeito paralelo, a Xunta está a traballar na fase final do complexo hospitalario, na que se estima un novo investimento de 85 M€, e ten en licitación a redacción do proxecto, por un importe de 4M€
- Allegue destacou fitos como a posta en funcionamento da nova central térmica no edificio Sur, o traslado do servizo de Radioloxía ao renovado semisoto do Marcide e sinalou que está en plena execución toda a edificación do inmoble Leste
- Ademais, subliñou que a finais deste 2025 estarán finalizadas as Urxencias
- Gómez Caamaño destaca o traballo conxunto de profesionais sanitarios, arquitectos, enxeñeiros e administracións para garantir unha sanidade pública moderna, eficiente e centrada nas persoas
- Adianta que a fase final permitirá crear novos espazos como o hospital de día oncohematolóxico, a unidade da dor e os laboratorios

Ferrol, 30 de abril de 2025
A Xunta avanza nas obras da primeira fase da ampliación do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF), que se centran na construción dos novos edificios Leste e Sur, anexos ao Hospital Arquitecto Marcide. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue e o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, xunto á delegada territorial da Xunta, Martina Aneiros, e o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, visitaron hoxe os traballos desta primeira etapa, que se prevé que estea rematada no segundo semestre de 2026.
Allegue destacou que neste momento as obras acadan un 67% de execución, e subliñou a aposta por esta ambiciosa actuación de ampliación e renovación do CHUF no marco do compromiso da Xunta coa sanidade pública, a través deste proxecto que implica múltiples e complexas actuacións, así como obras previas de desvío de conducións, traslado de servizos ou demolicións entre outras intervencións.
No que atinxe ao edificio Sur, xa está finalizada a estrutura e estase a traballar na envolvente. A nova central térmica xa está en funcionamento, o que permitiu demoler a antiga e iniciar a última parte de execución do edificio Leste.
Por outra banda, a construción do edificio Leste divídese en 3 etapas en función da dispoñibilidade dos terreos, tralos traslados previos pertinentes. Na actualidade, toda a edificación correspondente a estas 3 fases está en execución. Neste inmoble situaranse as Urxencias, cuxa finalización se estima para finais deste 2025.
A conselleira incidiu na complexidade técnica dos traballos executados para poñer en funcionamento novos servizos que precisaron traslado, como foi o caso do de Radioloxía, xa en funcionamento no semisoto do edificio existente do Marcide.
Hospital Naval
Ademais, nesta primeira fase tamén se actuou no Hospital Naval, no que se realizaron reformas interiores para os traslados provisionais derivados das obras do Marcide. E está lista xa a urbanización da rúa Irmandade Doadores de Sangue, ademais doutras melloras que se realizaron no viario e aparcamento do Naval, que conta con 266 novas prazas.
Fase final
De xeito paralelo, a Xunta está a traballar xa na fase final do Complexo, na que se estima un novo investimento de 85 M€. Deste xeito, está en licitación a redacción do proxecto para estes traballos, por importe de 4M€. As empresas poden presentar ofertas ata o 5 de maio.
Esta fase final incluirá a renovación da zona de hospitalización do Marcide, para adecuar as habitacións ás prestacións hospitalarias do Servizo Galego de Saúde, ademais do novo bloque cirúrxico e as novas consultas.
Unha vez finalizadas, "contaremos cun complexo hospitalario de vangarda e sostible, que permitirá dar a cobertura de maior calidade nesta área sanitaria ferrolá", sinalou Allegue. "Seguimos avanzando -engadiu- na construción da sanidade pública do futuro, dando pasos cara a un modelo de atención máis moderno, humano e eficiente, que garanta o benestar da cidadanía e tamén o dos profesionais sanitarios".
Pola súa banda, o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, puxo de relevancia o traballo conxunto de equipos técnicos, profesionais sanitarios, arquitectos, enxeñeiros e administración que teñen como obxectivo común garantir unha sanidade pública moderna, eficiente e centrada nas persoas.
Gómez Caamaño destacou que a Xunta está xa no tramo final da primeira fase do Plan director do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol para construír dous novos edificios: o Leste, de carácter asistencial, e o edificio Sur, para albergar servizos de administración, xerencia e a nova central de instalacións.
O responsable da sanidade pública galega salientou que xa están levantados dous dos tres bloques do novo edificio asistencial e que incluirá espazos clave. Entre eles, as futuras Urxencias, a Unidade de coidados intensivos, a farmacia, nefroloxía, pediatría, cociñas e 5 novos bloques de hospitalización.
En canto estea completada a primeira fase, a Xunta entrará na fase final que suporá renovar 108 habitacións, os bloques cirúrxicos do Marcide e do Naval, o centro de especialidades e novos espazos como o hospital de día oncohematolóxico, a unidade da dor e os laboratorios. Todo isto, segundo resaltou Gómez Caamaño, sen interferir coa actividade asistencial.