A Consellería do Mar pon a disposición das confrarías de pescadores da ría de Pontevedra a area do Lérez para a rexeneración dos bancos marisqueiros
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro e o presidente de Portos de Galicia reuníronse cos patróns maiores do ámbito da dragaxe para expoñer a posibilidade de aproveitamento dos materiais de máis alta calidade
- A Xunta axiliza con esta xestión a tramitación dunha obra que conta con 3 millóns de euros consignados nos orzamentos autonómicos pero que se atopa paralizada polo Ministerio, competente para autorizar o punto de vertido
Estas imágenes pertenecen a Página Oficial de la Xunta de Galicia
Santiago de Compostela, 25 de abril de 2025
A Consellería do Mar pon a disposición das confrarías de pescadores da ría de Pontevedra os áridos de maior calidade ambiental que se van extraer coas obras de dragaxe do Lérez para a rexeneración dos bancos marisqueiros da contorna. A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, e o presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, mantiveron esta mañá unha reunión de traballo co presidente da Federación provincial de confrarías de pescadores de Pontevedra e os patróns maiores de Lourizán, Raxó e Pontevedra para expoñerlles esta posibilidade.
Os representantes do Executivo autonómico estiveron acompañados polo persoal técnico da Consellería, concretamente enxeñeiros de Portos e biólogos, que expuxeron as posibilidades de aproveitamento dos materiais de categoría A, a de maior calidade ambiental, e os seus posibles usos en beneficio dos recursos marisqueiros. Unha vez informadas todas as entidades beneficiarias da dragaxe corresponderalles a elas decidir sobre o aproveitamento dos áridos, cuxo excedente en todo caso será depositado en altamar no punto que debe autorizar o Ministerio de Transición Ecolóxica (Miteco).
Con esta xestión, a Xunta de Galicia axiliza a tramitación previa das obras de dragaxe do Lérez dentro das súas competencias, á espera de que o Miteco determine o punto de vertido dos áridos en altamar. O punto tradicionalmente empregado e previsto para esta actuación, o punto E8, no exterior de Sálvora, foi suspendido hai 4 anos polo Ministerio, organismo ambiental competente, paralizando con esta decisión 16 actuacións de dragaxe nas Rías Baixas, entre elas a do Lérez.
3 millóns en Orzamentos
Pese a esta decisión, o recente informe do CEDEX, organismo técnico de alto prestixio dependente do propio Miteco informou a principios deste mes de abril de que dito punto debe ser considerado "alternativa prioritaria" para o depósito de áridos de dragaxes. Dito informe foi remitido ao Ministerio para que en exercicio da súa competencia estableza o punto de vertido que a Xunta debe empregar para a dragaxe do Lérez, unha obra que conta xa con consignación orzamentaria de 3 millóns de euros por parte de Portos de Galicia.