A Xunta anima ao tecido empresarial a participar na descarbonización da economía galega a través do sistema de certificado de aforro enerxético
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- Subliña o crecemento exponencial do número de solicitudes no que levamos de ano ata alcanzar a cifra de 93, cun aforro enerxético de 470 GWh
- Apunta que este sistema incentiva o investimento en tecnoloxías eficientes, fomenta a innovación, ademais de xerar beneficios sociais e económicos e reducir os custos para os consumidores
Estas imágenes pertenecen a Página Oficial de la Xunta de Galicia
Vigo, 22 de abril de 2025
O director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, animou esta mañá ao tecido empresarial galego a participar no sistema de Certificado de Aforro Enerxético (CAE) para gañar en competitividade e avanzar no proceso de descarbonización da economía galega. O representante da Administración autonómica fixo este chamamento no transcurso da inauguración do encontro empresarial Impulsa o teu negocio cos certificados de aforro enerxético, organizado polo Círculo Empresarios de Vigo e Iberdrola.
Fernández Vila explicou que o Certificado de Aforro Enerxético (CAE) é un documento electrónico que acredita a consecución dun aforro no consumo de enerxía final logo da implantación de proxectos ou medidas de eficiencia enerxética. O obxectivo, tal e como expuxo o director xeral, é incentivar o investimento en tecnoloxías eficientes, fomentar a innovación, reducir custos para os consumidores, ademais de xerar beneficios económicos e sociais ao permitir o intercambio de eficiencia por diñeiro e promover un sector empresarial máis competitivo. E, ao fío, lembrou que cada CAE representa un valor unitario de 1 kWh de aforro anual no consumo de enerxía final.
Neste contexto, Pablo Fernández gabou o esforzo que están a facer as empresas galegas para incorporar esta medida tal e como pon de relevo a cifra de actuacións rexistradas no que levamos de ano: 93 cun aforro enerxético de 470 MWh. "Un crecemento exponencial - subliñou - se os comparamos cos datos do ano 2024, no que se solicitaron 67 actuacións cun aforro estimado de 421,9 GWH e que situaron á Comunidade galega como a segunda rexión en termos de aforro certificado". E, ao fío explicou que malia que os suxeitos obrigados a participar deste sistema podían facer achegas mediante CAE para cumprir cos obxectivos de aforro do Sistema Nacional de Obrigas de Eficiencia Enerxética ata un 65%, os CAEs unicamente representaron o 28% no ano 2024.
Finalmente, o director xeral de Planificación Enerxética e Minas fixo un chamamento a administracións e tecido empresarial a incorporar o sistema CAE na súa planificación enerxética e para aqueles que xa o teñan implementado, a divulgar os seus beneficios para progresar no camiño cara unha economía máis verde, sustentable e competitiva.
O sistema CAEs -orixinado en 2023 para dar cumprimento aos obxectivos de eficiencia enerxética fixados, tanto a nivel europeo como nacional-, establece a posibilidade de que determinadas entidades como poden ser as comercializadoras de gas e electricidade ou aos operadores de produtos petrolíferos ou gases licuados, entre outros, poidan cumprir coas súas obrigas de aforro enerxético a través destes certificados que permiten á ciudadanía beneficiarse de contraprestacións económicas polas súas actuacións en eficiencia enerxética.