Sanidade contará este ano con máis de 460 profesionais formados para realizar intervencións de cirurxía menor en atención primaria
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- A Consellería de Sanidade ofrecerá 77 edicións dos obradoiros de formación intensiva e presencial para persoal de medicina de familia e enfermería de atención primaria
- Antes do verán os centros de saúde Virxe Peregrina de Pontevedra e o Centro Integral de Saúde de Lugo comezarán a realizar cirurxías de curta duración e con anestesia local como experiencia piloto
- O Plan Galego de Cirurxía Menor 2025-2029 aprobado onte polo Consello da Xunta conta cun orzamento de 1,7 M€ para adquirir o material necesario para desenvolver estas cirurxías e para a formación dos profesionais
- A Xunta reforza así a capacidade resolutiva da atención primaria e aumenta a equidade territorial ao evitarlle aos pacientes derivacións ao hospital
- A cirurxía menor xa formaba parte da práctica clínica habitual de varios centros de atención primaria pero o plan permite reforzar esta práctica, dotala de recursos estables e garantir condicións homoxéneas para a súa realización en toda Galicia
- A previsión é que á finalización do plan se realicen en torno a 1.500 cirurxías ao mes no conxunto dos servizos de atención primaria

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2025
A directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Sofía López Linares, trasladou hoxe no Parlamento de Galicia que o Plan de cirurxía menor en atención primaria 2025-2029 permitirá contar este mesmo ano con 462 profesionais formados para realizar intervencións de cirurxía menor nos centros de saúde.
No marco da Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento, a directora xeral explicou que o obradoiro presencial especificamente deseñado para esta práctica terá 77 edicións ao longo do plan, 7 delas xa realizadas nos últimos meses.
O programa formativo permite desenvolver habilidades na realización de suturas e procedementos de cirurxía menor e inclúe contidos sobre técnicas de anestesia local, identificación e uso do instrumental cirúrxico axeitado, así como aspectos médico-legais asociados.
Sofía López Linares subliñou o que o plan responde a un modelo asistencial orientado a resultados en saúde, que pon no centro os pacientes porque achega servizos cirúrxicos con equidade, reducindo demoras e desprazamentos aos hospitais.
Inicio antes do verán
O Plan galego de cirurxía menor en Atención Primaria, aprobado onte polo Consello da Xunta, estrutúrase en fases e comezará antes do verán cunha experiencia piloto no Centro Integral de Saúde de Lugo e no centro Virxe Peregrina de Pontevedra. Esta etapa inicial, segundo sinalou a directora xeral, permitirá avaliar con datos prácticos a posta en marcha do servizo, identificar melloras e preparar unha extensión progresiva a conxunto do territorio.
Como profesional da medicina de familia, López Linares subliñou que a cirurxía menor xa formaba parte da práctica clínica habitual de varios centros de atención primaria e que a aprobación do plan permite reforzar esa práctica, dotala de recursos estables e garantir condicións homoxéneas en toda Galicia.
A previsión é que á finalización do plan se realicen en torno a 1.500 cirurxías ao mes no conxunto dos servizos de atención primaria.
"A formación non esgota, capacita; a tecnoloxía non complica, facilita; non se lles esixe máis, permíteselles voluntariamente facer máis", defendeu a directora xeral de Reforma e Planificación Sanitaria.
López Linares resaltou o traballo realizado polo equipo multidisciplinar encargado, entre outras cousas, de definir as patoloxías a tratar. A Consellería de Sanidade contou con médicos de familia, persoal de enfermería de atención primaria, dermatólogas, cirurxiáns xerais, anatomopatólogos e hematólogos para mellorar a accesibilidade dos pacientes a procedementos sinxelos sen necesidade de derivación hospitalaria.
Así, foron acordadas as intervencións específicas que inclúen algunhas lesións benignas da pel (como quistes epidérmicos), infeccións cutáneas (abscesos, furúnculos, verrugas ou papilomas), afeccións de unllas (paroniquia) e lesións traumáticas menores (reparación de feridas cutáneas ou extracción de corpos estraños na pel).
Despois dun estudo previo de necesidades, a Xunta investirá 1.715.200 euros bisturís eléctricos, lámpadas rodantes de luz fría, padiolas articuladas e os obradoiros de formación.