A Xunta avanza na tramitación para a construción da planta de residuos téxtiles de Sogama coa emisión do informe de impacto ambiental
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- A resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático sobre o proxecto non prevé un impacto significativo na contorna se se cumpren os condicionantes fixados no propio documento e nos informes sectoriais
- O seguinte paso para finalizar o trámite ambiental será a emisión da autorización ambiental integrada, sen prexuízo da obtención de todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes exixibles para desenvolver o proxecto
- O Executivo galego investirá preto de 25 M€ na primeira planta pública de clasificación de residuos téxtiles da comunidade, con capacidade para procesar entre 3.000 e 24.000 toneladas anuais
Estas imágenes pertenecen a Página Oficial de la Xunta de Galicia
Santiago de Compostela, 8 de abril de 2025
A Xunta de Galicia avanza na tramitación para a construción da planta de clasificación de residuos téxtiles de Sogama coa emisión do informe de impacto ambiental (IIA) do proxecto. O documento conclúe que non se prevén impactos significativos sobre o medio ambiente na contorna -a instalación estará localizada dentro do complexo medioambiental de Cerceda- sempre que se cumpra cos condicionantes fixados tanto no propio IIA como nos informes sectoriais vinculantes emitidos polos distintos organismos consultados.
Neste sentido, o informe foi elaborado no marco da avaliación de impacto ambiental simplificada desta iniciativa empresarial, un trámite no que o documento ambiental do proxecto foi sometido a información pública, sen que se recibise ningún escrito ou alegación, ao tempo que foron consultados once organismos interesados. Froito desas consultas, a maioría deles realizaron a valoración correspondente e estableceron condicionantes que se engaden aos incluídos no propio programa de vixilancia ambiental que recolle a resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade.
Agora, unha vez elaborado o informe de impacto, quedaría pendente de emitir a autorización ambiental integrada (AAI) para concluír o trámite ambiental. Nesta liña, o propio documento aclara que a súa emisión se produce sen prexuízo da obriga do promotor (Sogama) de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente exixibles para poder desenvolver o proxecto.
A resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático ten en conta os informes emitidos por distintos departamentos como a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural, o Instituto de Estudos do Territorio, Augas de Galicia, a Dirección Xeral de Saúde Pública, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a Subdirección Xeral de Residuos e Economía Circular, a Subdirección Xeral de Cambio Climático e Ordenación do Litoral e o Concello de Cerceda.
Neste sentido, esas avaliacións consideran que o proxecto non vai ter impactos significativos nos distintos eidos analizados -contaminación acústica, ambiental, augas, paisaxe, flora e fauna ou o patrimonio cultural da contorna, entre outros- e que sería viable a posta en marcha da iniciativa sempre que se cumpra con certos condicionantes e medidas correctoras establecidas nos seus informes.
A iniciativa
Deste xeito, a Xunta avanza na tramitación do proxecto para a construción dunha planta de clasificación de residuo téxtil dentro do complexo medioambiental que Sogama ten en Cerceda. O fin último é darlle valor a máis do 90% dos materiais téxtiles que reciba destinándoos á preparación para a reutilización, a reciclaxe, a valorización enerxética ou outras vías de xestión dos residuos.
O Executivo galego prevé investir preto de 25 millóns de euros na construción da que será a primeira planta pública de clasificación de residuos téxtiles da comunidade, que terá capacidade para procesar 3.000 toneladas anuais, coa posibilidade de ampliarse ata, aproximadamente, as 24.000 toneladas por ano.