Gómez Caamaño avanza que a Xunta reforzará a atención á saúde mental coa creación este mesmo ano de novas prazas residenciais e de rehabilitación
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- A colaboración entre a Consellería de Sanidade e a asociación de Saúde Mental "A Mariña" posibilita que esta comarca conte con 50 prazas en residencias para pacientes con enfermidades mentais e outras 95 prazas en centros de día de rehabilitación psicosocial e laboral
- O departamento sanitario do Executivo galego está a elaborar un novo Plan de Saúde mental que incrementará os recursos e o orzamento destinado a este ámbito da saúde
- Gómez Caamaño remarcou que o Servizo Galego de Saúde estenderá a atención psicolóxica aos servizos de atención primaria

Cervo (Lugo), 8 de abril de 2025
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, avanzou que a Xunta de Galicia reforzará este mesmo ano a atención á saúde mental coa creación de novas prazas residenciais e de rehabilitación. Así o asegurou durante a inauguración, esta mañá en Cervo, do novo centro de rehabilitación psicosocial e laboral "A Mariña".
Acompañado pola directora xeral de Persoas con Discapacidade da Consellería de Política Social e Igualdade, Begoña Abeijón, e polo xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares, o titular da carteira sanitaria salientou que o coidado da saúde mental "é unha prioridade do Goberno galego". Proba disto, dixo, son as 30 novas prazas coas que se amplían os recursos destinados ao coidado e integración social das persoas con problemas de saúde mental no concello de Cervo.
Na actualidade, xa son 4 os centros de rehabilitación psicosocial e laboral da Asociación de Saúde Mental A Mariña na comarca, que se suman ás dúas residencias que esta asociación xestiona en Cervo e ás dúas vivendas tuteladas que acollen a diferentes colectivos.
Sobre este particular, Gómez Caamaño subliñou que para a Consellería de Sanidade é unha gran satisfacción acompañar a unha institución que, co seu apoio, posibilita que a Xunta conte con 50 prazas residenciais para pacientes de saúde mental na Mariña e con outras 95 prazas en centros de día de rehabilitación psicosocial e laboral.
Nestes centros, os seus pacientes desenvolven as súas capacidades persoais, sociais e laborais, fomentando a súa independencia mediante o adestramento de habilidades, ademais de achegarlles atención psicolóxica, social e prelaboral e de prestarlle apoio as súas familias.
Gómez Caamaño incidiu en que o departamento sanitario da Xunta atópase inmerso na elaboración dun novo Plan de Saúde Mental, unha folla de ruta que, ademais de incrementar os recursos e o orzamento destinado a este ámbito da saúde, tamén estenderá a atención psicolóxica aos servizos de atención primaria.