Rueda anuncia o novo Plan Estratéxico de Xuventude 2025-2027 que estará dotado de máis de 700 M€
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- Salienta que o Consello deu o visto e prace esta folla de ruta "para mellorar a empregabilidade dos mozos, garantir o seu benestar e contribuír a súa empancipación"
- Con máis de 130 medidas, o documento incide en aspectos como a formación ou a vivenda
- O conselleiro de Xuventude resalta que o obxectivo é que cada mozo conte "coas ferramentas, recursos e oportunidades para desenvolverse plenamente"
- Recolle a creación dun novo programa de estadías en países europeos para mozos e mozas en situación de vulnerabilidade
- Contempla a construción de residencias xuvenís nas cidades da Coruña, Ferrol, Pontevedra e Santiago, que non contan con elas
- Inclúe a posta en marcha de iniciativas que axuden os máis novos a construír o proxecto vital, na liña do Bono Emancípate a dos aloxamentos compartidos
Estas imágenes pertenecen a Página Oficial de la Xunta de Galicia
Santiago de Compostela, 7 de abril de 2025
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello "aprobou hoxe o Plan estratéxico de xuventude de Galicia 2025-2027, que contará con 133 medidas e estará dotado de 700 millóns de euros" Este instrumento, estruturado a partir de 25 obxectivos, será a folla de ruta do Goberno galego dos vindeiros tres anos "para mellorar a formación e empregabilidade dos mozos, garantir o seu benestar físico e psíquico e contribuír a súa emancipación".
Rueda salientou que para a Xunta é unha prioridade ofrecer as mellores oportunidades á mocidade porque "son o futuro de Galicia, a xeración chamada a construír" a comunidade do mañá e un colectivo composto por unhas 400.000 persoas na comunidade, é dicir, o 15% da poboación. "Este Plan busca garantir que cada mozo e moza de Galicia teña as ferramentas, os recursos e as oportunidades para desenvolverse plenamente", engadiu o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos.
Tal e como explicou o conselleiro, a consellería de Xuventude deseñou esta ferramenta, ademais de coa colaboración dos diferentes departamentos do Goberno galego, con enquisas á mocidade e con mesas de traballo en que participaron e se implicaron persoal técnico especializado en xuventude, organizacións xuvenís e entidades sociais e do ámbito de tempo libre.
Como resultado, a área da Xunta con competencias en Xuventude deseñou este plan de cara aos vindeiros tres anos con 133 medidas coas que se buscará mellorar a inserción laboral a través da adquisición de competencias, da mobilidade internacional ou programas de educación non formal. De igual xeito, establecerá accións dirixidas ao benestar físico, psíquico, emocional e social da poboación moza.
Ademais, esta ferramenta buscará contribuír á emancipación da xuventude, con medidas que fomenten o emprego, o emprendemento e apoios á contratación, así como o acceso á vivenda, na liña do Bono Emancípate -que xa recibiu máis de 3.300 solicitudes- ou dos aloxamentos compartidos, que xa están en marcha. A maiores, perfilará iniciativas para fomentar as capacidades creativas e o desenvolvemento do talento das novas xeracións.
Prácticas en empresas da UE para mocidade vulnerable
Entre as iniciativas concretas que se desenvolverán ao abeiro deste plan, estará a posta en marcha este mesmo ano dun novo programa para facilitar estadías formativas en empresas de países da Unión Europea, dirixido exclusivamente á mocidade en situación de vulnerabilidade. Con esta medida, procúrase a promoción de igualdade de oportunidades da poboación moza máis desfavorecida ou en risco de exclusión.
Deste xeito, o conselleiro indicou que este novo programa, chamado Galicia Moza con Alma, terá como destinatarios destas estadías "a mozos e mozas do ámbito do rural, a xente nova con discapacidade, rapaces que leven máis dun ano en paro e tamén aqueles que estean en risco de exclusión social".
Esta acción ten como obxectivo favorecer a mobilidade xuvenil exterior como vía de desenvolvemento persoal e profesional destes colectivos vulnerables, pola súa situación xeográfica, física ou socioeconómica. Desta forma, o que se procura é que estes rapaces e rapazas desenvolvan habilidades e competencias para o emprego, á vez que melloran e perfeccionan outros idiomas que lles permitan abrir máis portas no eido laboral.
Novas residencias xuvenís públicas
Precisamente, o plan recolle entre as súas medidas fornecer a mobilidade xuvenil dentro da propia comunidade, a través de recursos e vantaxes económicas que lle facilite á xente moza o acceso á formación.
Co obxectivo de cumprir con esta iniciativa, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ten prevista a construción de residencias xuvenís públicas naquelas cidades nas que, na actualidade, non se contan con elas: A Coruña, Ferrol, Pontevedra e Santiago de Compostela. Trátase dun recurso de apoio á mocidade, entre 16 e 30 anos de idade, que por razóns de estudos ou traballo se ven obrigados a desprazarse fóra do seu fogar ou residencia habitual.
Estender a figura Correspondentes Xuvenís a máis centros
O Goberno galego tamén establece nesta folla de ruta desenvolver unha política de comunicación efectiva e bidireccional coa mocidade. Nesta liña de actuacións, inscríbese a decisión de estender a figura Correspondentes Xuvenís a un maior número de centros de ensino. Desde o curso 2013-14 por este programa pasaron máis de 6.500 mozos e mozas de toda Galicia. O obxectivo e estimular e potenciar que máis xente nova se sume a este programa de voluntariado.
Este alumnado é o que se responsabiliza de recoller a información que se lles envíe desde a Dirección Xeral de Xuventude, Espazo Xove ou a Oficina Municipal de Información Xuvenil do seu concello e de difundila entre o resto do estudantado do centro.