A Xunta convoca axudas Erasmus complementarias de ata 1.755€ para estudantes de ensinanzas artísticas superiores
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- Poderanse solicitar ata o 30 de abril e teñen como obxectivo seguir impulsando a mobilidade deste alumnado para enriquecer a súa formación
- A iniciativa enmárcase no programa Galemundo, a través do que a Xunta facilitará que 7.000 estudantes se formen este curso no estranxeiro

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2025
A Xunta vén de convocar as bolsas complementarias para o alumnado galego de ensinanzas artísticas superiores en centros públicos beneficiario das axudas do Programa comunitario Erasmus+. A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP destina 40.000€ a estas axudas, que teñen como obxectivo é seguir impulsando a mobilidade destes estudantes para enriquecer a súa formación.
O importe das bolsas, que se suman ás axudas europeas, vai dos 250€ aos 1.755€, con contías de 125€, 165€ ou 195€ ao mes, en función do país de destino. As axudas concederanse para estadías dun máximo de nove meses e dun mínimo de dous meses.
En concreto, o importe será de 195 euros/mes para os países de destino do grupo 1 (Alemaña, Austria, Bélxica, Dinamarca, Finlandia, Francia, Irlanda, Islandia, Italia, Liechtenstein, Luxemburgo, Noruega, Países Baixos, Suecia), de 165 euros/mes para os do grupo 2 (Chequia, Chipre, Eslovaquia, Eslovenia, Estonia, Grecia, Letonia, Malta, Portugal) e de 125 euros/mes para os do grupo 3 (Bulgaria, Croacia, Lituania, Hungría, Polonia, Romanía, Serbia, Macedonia, Turquía).
Esta iniciativa enmárcase no programa Galemundo, a través do que a Xunta facilitará que 7.000 estudantes e docentes se formen este curso no estranxeiro grazas a un investimento de máis de 15M€.
Solicitudes
As persoas interesadas deberán presentar a súa solicitude obrigatoriamente por medios telemáticos, a través de calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta, incluído o sistema de usuario e clave Chave365. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 30 de abril.
Para solicitar a bolsa o estudante deberá estar matriculado no curso 2024/2025 en calquera dos centros públicos que impartan ensinanzas artísticas superiores de Galicia e ser beneficiario dunha bolsa Erasmus+ de mobilidade neste mesmo ano académico xestionada polo Servizo Español para a Internacionalización da Educación. Non poderán optar á axuda os que xa gozaran dela en convocatorias anteriores e máis o alumnado que, con nacionalidade distinta á española, realice a mobilidade nos seus países de orixe.