A Xunta adxudica por 130.000 euros o servizo de análise sanitaria de poboacións piscícolas dos ríos galegos
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- O contrato, adxudicado á Universidade de Santiago de Compostela, permitirá realizar a toma de mostras para a vixilancia e control do estado sanitario dos seres que habitan as augas galegas nos vindeiros dous anos
Estas imágenes pertenecen a Página Oficial de la Xunta de Galicia
Santiago de Compostela, 5 de abril de 2025
A Xunta de Galicia adxudicou o contrato para manter o servizo de análise sanitaria da ictiofauna dos ríos e dos centros ictioxénicos da Administración autonómica para o período 2025-2027 por un importe de preto de 130.000 euros.
O contrato, adxudicado á Universidade de Santiago de Compostela, permitirá ofrecer o servizo de avaliación de riscos e análise de mostras para a vixilancia e control do estado sanitario das poboacións piscícolas dos ríos, dos procesos patolóxicos que poidan afectalas e das condicións sanitarias dos centros ictioxénicos da Xunta.
Cómpre lembrar que os centros ictioxénicos da Administración autonómica son os que se atopan inscritos no Rexistro de explotacións gandeiras (REGA): os de Carballedo (Cerdedo-Cotobade), O Carballiño, O Veral (Lugo) e, dependendo deste último, o de Goó, no concello do Incio.
Este tipo de análises permiten avaliar os riscos e a diagnose de patoloxías de orixe bacteriana, vírica, fúnxica ou parasitaria. Asemade, o contrato asinado tamén inclúe estudos toxicolóxicos no marco de investigacións de mortaldades no medio natural.
Así, as analíticas que se realicen nos centros ictioxénicos consistirán no exame do estado sanitario dos reprodutores, do estado sanitario da produción con destino á repoboación e do estado sanitario do centro de cultivo como consecuencia de incidencias (mortaldades anormais, baixo rendemento, sospeitas de patoloxías, etc).
No que respecta ás poboacións piscícolas no medio natural, as análises a realizar consisten en comprobacións periódicas do estado sanitario das poboacións salvaxes a partir de mostras obtidas no medio natural e da análise de mortaldades ou outras incidencias acontecidas no medio natural.
Por último, sinalar que este contrato para o servizo de análise sanitaria da ictiofauna dos ríos e dos centros ictioxénicos da Xunta de Galicia durante os anos 2025, 2026 e 2027 está cofinanciado nun 60% pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) 2021-2027.