A Mariña acolle o encontro 'NatureWatch' no marco do Plan de Sostibilidade Turística que impulsa a Xunta de Galicia
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou a aposta do Goberno galego pola conservación ambiental e o turismo de natureza para conformar unha oferta sostible e desestacionalizada

Barreiros (Lugo), 28 de marzo de 2025
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou hoxe na inauguración do encontro de turismo e observación da natureza NatureWatch, que se desenvolverá ata o domingo na Mariña lucense. Está promovido pola Mancomunidade de Municipios mariñá no marco do Plan de Sostibilidade Turística, ao que o Goberno galego achega 1 millón de euros.
O centro sociocultural de Barreiros acollerá charlas técnicas e divulgativas, que se complementarán con saídas para coñecer o patrimonio ornitolóxico, natural e xeolóxico da zona.
O delegado territorial explicou a aposta da Xunta pola conservación ambiental e o turismo de natureza, "que, xunto ao cultural e gastronómico, contribúe a conformar unha oferta sostible e desestacionalizada". Ao respecto, lembrou que as achegas do Goberno galego para a xestión do xeodestino permiten desenvolver propostas como Turismo Slow Norte de Galicia, as Rutas de Artesanía ou A Mariña en Ruta.
Arias incidiu no "enorme potencial" da comarca no eido do ecoturismo. Entre os proxectos medioambientais da Xunta, destacou o plan para reintroducir a píllara das dunas na praia de Altar, en Barreiros, o último lugar no que constaba a súa presencia de forma natural antes de desaparecer da costa lucense hai oito anos. Entre agosto e outubro do pasado ano liberáronse catro exemplares desta ave, clasificada como vulnerable no Catálogo Galego de Especies Ameazadas.
A experiencia NatureWatch ten formato sustentable. O importe da inscrición destínase a compensar a pegada de carbono xerada polo propio evento e a colaborar cun proxecto de conservación de pequenos carnívoros na Serra do Xistral.