Rueda asiste ao inicio das obras da plataforma flotante no Parrote da Coruña e defende fortalecer a relación da cidade co entorno mariño
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- "Todas as cidades modernas que viven mirando ao mar teñen instalacións deste tipo", salienta o presidente
- O novo espazo, que estará rematado este verán, contará con dúas piscinas, unha delas aberta ao mar, gradas, espazos de descanso e pasarela accesible
- Supón un investimento de 2,9 M€, froito da colaboración entre Xunta e a Autoridade Portuaria da Coruña
- Subliña a importancia de impulsar proxectos que permitan compatibilizar a actividade pesqueira, "fonte de riqueza", co uso público e desfrute de veciños e turistas
Estas imágenes pertenecen a Página Oficial de la Xunta de Galicia
A Coruña, 25 de marzo de 2025
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asistiu hoxe ao inicio das obras da plataforma flotante da zona do Parrote (A Coruña), unha actuación enmarcada no proxecto Coruña Marítima, que busca fortalecer a relación da cidade co seu entorno mariño. "Todas as cidades modernas que viven mirando ao mar teñen instalacións deste tipo", resaltou.
A nova estrutura, froito da colaboración entre a Xunta de Galicia e a Autoridade Portuaria da cidade, conta cun orzamento de 2,9 millóns de euros, e situarase entre o peirao de Transatlánticos e o castelo de San Antón. A instalación contará cunha zona de baño seguro que abrangue dúas piscinas (unha delas aberta ao mar), gradas, espazos de descanso e unha pasarela accesible e, segundo as estimacións, estará lista para empregarse a comezos deste verán.
Para que poida ser posible, en paralelo á execución das obras no Parrote, estanse xa a fabricar os bloques de formigón aos que irá ancorada a plataforma flotante, así como as partes que conformarán a propia plataforma.
O presidente subliñou a "importante aposta" da Xunta por unha infraestrutura que resultará fundamental para mellorar o acceso ao mar, dinamizar a economía local e avanzar no desenvolvemento sostible e modernización das infraestruturas portuarias.
O uso desta nova instalación será compatible coas zonas de paso de embarcacións e do tránsito marítimo, ademais de coa actividade marisqueira propia do Parrote. Por iso, para o presidente trátase dun bo exemplo de que é posible e necesario "compatibilizar a actividade vencellada ao mar que é unha fonte de riqueza e a vida do outro lado" con instalacións para facilitar "o baño e o desfrute".
Cara a nova fachada marítima da cidade
Durante a visita, na que estivo acompañado da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, o presidente asegurou que estas novas instalacións permiten avanzar na senda de "transformar definitivamente" a cidade da Coruña co deseño da nova "fachada marítima". Un proxecto "ambicioso" que conta con compromiso da Xunta e que agarda conte coa colaboración das distintas administracións para poder levalo a cabo.