O Diario Oficial de Galicia publica o decreto que actualiza a regulación da publicidade nas farmacias e fixa os requisitos que deben cumprir na súa actividade en internet ou redes sociais
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- O obxectivo é limitar calquera comunicación que fomente o uso de medicamentos ou que cause un prexuízo á saúde da cidadanía
- As boticas poderán publicitarse incluíndo o enderezo, teléfono ou horario nos tickets, bolsas, empaquetado e na web, ou informar das campañas sanitarias nas que participan
- Non poderán incluír ferramentas de autodiagnóstico nos seus perfís en internet nin recorrer a influencers con fins publicitarios
- A sinalización das oficinas de farmacia deberá ser sempre unha cruz verde grega ou de malta que só estará acendida durante os seus horarios de apertura e de garda
- O decreto establece un prazo de seis meses para adaptarse a esta nova normativa

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2025
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o novo decreto polo que se regula a sinalización, identificación, información, publicidade e actividades promocionais das oficinas de farmacia e boticas anexas.
Actualízase así a lexislación vixente, de 2008, e adáptase á nova realidade social, especialmente no ámbito dixital. O novo decreto regula os requisitos que deben cubrir as oficinas de farmacia na súa actividade en internet, sexa a través dunha web propia ou das redes sociais.
Preténdese limitar calquera tipo de comunicación ou publicidade que fomente o uso de medicamentos ou que poida supoñer un prexuízo á saúde ou seguridade da cidadanía.
Estruturado en 8 artigos, o novo texto introduce unha serie de prescricións nas que se definen os requisitos que deben cumprir este tipo de establecementos sanitarios na súas actividades publicitarias e informativas. Así mesmo, tamén estandariza os elementos de sinalización das oficinas de farmacia na comunidade.
Coa nova regulación, as oficinas de farmacia poderán publicitarse a través dos envoltorios, bolsas ou o papel empregado para os produtos dispensados, así como a través dos tickets de venda, a internet e mensaxería instantánea ou similares, sempre e cando nestas informacións consten, unicamente, os seus datos xerais de identificación: enderezo, contacto, horarios, calendario de gardas, etc. Tamén se permitirá a publicidade a través destes medios, das actividades sanitarias ou servizos autorizados ou acreditados pola administración sanitaria, que se realicen na oficina de farmacia.
Regulación das informacións no ámbito dixital
Tanto a través da súa páxina web, como por medio de redes sociais, estará permitido achegar información xeral sobre o uso racional de medicamentos promovidos pola Administración sanitaria e os colexios oficiais de Farmacia, promover a educación sanitaria e a prevención das enfermidades e tamén informar sobre aquelas campañas sanitarias nas que participe.
O envío de boletíns informativos por parte das oficinas de farmacia, o uso de tarxetas de fidelización ou ferramentas similares, así como a participación en campañas promocionais de calquera tipo, unicamente estarán permitidas cando non se refiran a medicamentos nin a produtos sanitarios e así se faga constar expresamente.
Están permitidos descontos sobre o prezo de venda que se contemplen na normativa de aplicación ou as promocións propias dos fabricantes ou distribuidores. Igualmente, as farmacias só poderán ofrecer incentivos, agasallos, premios ou obsequios, nos casos permitidos na normativa básica que resulte de aplicación.
Pola contra, nin a súa web, nin as súas redes sociais poderán ofrecer ou enlazar con ferramentas de autodiagnóstico ou automedicación, nin tampouco estará permitido facer publicidade da oficina de farmacia mediante a intervención de persoas de relevancia ou impacto mediático -influencers-.
Sinalización das oficinas de farmacia
Outra das medidas que inclúe este novo decreto, que substituirá o Decreto 107/2008, do 15 de maio, é a regulación relativa á sinalización e identificación das oficinas de farmacia e boticas anexas.
Neste sentido, o decreto define e estandariza os elementos de rotulación e soportes que deben empregar os establecementos farmacéuticos, co obxectivo de facilitar a súa localización por parte da cidadanía.
Así, a sinalización das farmacias será sempre unha cruz grega ou de malta, de cor verde que soamente permanecerá coa iluminación acendida durante os seus horarios de apertura e de garda.
No texto deste decreto, en cuxa elaboración participaron os colexios oficiais de farmacéuticos de Galicia, establécese un prazo de seis meses para adaptarse aos requirimentos dunha normativa que reforza a condición de establecemento sanitario das farmacias.