Rueda anuncia a aprobación de dúas liñas de avais para a compra de vivenda, unha dirixida aos menores de 36 anos e outra para a compra de vivenda protexida sen límite de idade
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- Sinala que a convocatoria, por un importe de 5 M€, dá continuidade á liña pioneira lanzada pola Xunta en 2023 para facilitar a compra de vivenda aos menores de 36 anos, e engade outra liña de aval para a compra de vivenda protexida, eliminando o requisito da idade
- O importe do aval poderá chegar ata o 20 % do prezo de adquisición do inmoble
- A convocatoria publicarase no Diario Oficial de Galicia e as solicitudes poderán presentarse a partir do vindeiro 1 de abril e ata o 31 de outubro

Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2025
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe a aprobación de dúas liñas de avais para a compra de vivenda, das cales unha estará dirixida aos menores de 36 anos e outra destinada á compra de vivenda protexida sen límite de idade.
Segundo sinalou o titular do Executivo galego, esta convocatoria segue a "liña da Xunta de facilitar o acceso aos cidadáns á vivenda", sumándose ao obxectivo de dobrar o parque residencial nesta lexislatura ata chegar aos 8.000 inmobles, ou a medidas específicas para a mocidade, como o Bono Emancípate, o futuro edificio de aloxamentos compartidos en Santiago ou reservar un 40% da nova vivenda pública en alugueiro e un 25% á venda para menores de 36 anos, para os que tamén existen avais para a compra dunha casa. Ao respecto desta medida, o Goberno galego concedeu no período 2023-2024 un total de 208 avais por un importe que rolda os 3,8M€.
Así, Rueda destacou que o Goberno galego avalará a adquisición da primeira vivenda en propiedade por un importe de 5 millóns de euros, dando continuidade á liña pioneira lanzada pola Xunta no ano 2023 para facilitar a compra de vivenda aos menores de 36 anos, e que agora se amplía a toda a poboación, sen límite de idade, cando se trata de adquisición de vivenda protexida.
En ambos casos, o aval da Xunta chegará ata o 20 % do prezo de adquisición do inmoble. A vivenda terá que estar localizada en Galicia e destinarse a residencia habitual e permanente do comprador, polo menos, durante o período de duración do aval. Neste sentido, no momento en que o propietario lle aboe á entidade financeira a cantidade equivalente ao aval público recibido "deixará de estar vixente".
Convocatoria
A convocatoria publicarase no Diario Oficial de Galicia e as solicitudes poderán presentarse a partir do vindeiro 1 de abril de 2025 e rematarán o 31 de outubro e, en todo caso, no momento do esgotamento do importe máximo de avais que se van conceder neste ano.
Os beneficiarios dos avais deberán estar empadroados en Galicia e ter menos de 36 anos no momento de presentar a solicitude do aval para a adquisición do seu primeiro fogar. E, no caso de adquisición de vivenda protexida, onde non hai límite de idade, os solicitantes deberán cumprir os requisitos exixidos para o acceso ás vivendas protexidas.
Para poder obter un destes avais será condición imprescindible que a hipoteca para a cal se solicita supoña entre o 80% e o 100% do importe de adquisición da vivenda, e as contías que aboe a persoa beneficiaria deberán destinarse exclusivamente ao pagamento desta débeda hipotecaria.
O importe de adquisición dunha vivenda libre non poderá superar as seguintes contías (sen contar gastos nin tributos inherentes á adquisición): 260.000 euros nos concellos da Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, Pontevedra e Ourense; 210.000 euros se se localiza nas cidades de Lugo e Ferrol ou en concellos de tamaño medio e carácter periurbano, e 180.000 euros no resto de municipios galegos.
No caso de adquisición dunha vivenda protexida, tanto en primeira ou sucesivas transmisións, o inmoble debe contar coa cualificación definitiva como vivenda protexida de protección autonómica na data de publicación da convocatoria, e o prezo máximo será o previsto na cualificación definitiva.
En canto aos requisitos dos beneficiarios do aval para a adquisición de vivenda libre, estes deberán acreditar uns ingresos anuais mínimos de 2 veces o Iprem (16.800 euros) e máximos de 5,5 veces o Iprem (46.200 euros) e, se a adquisición se realiza por máis dunha persoa, o límite conxunto poderán acadar 6,5 veces o Iprem (54.600 euros).
No suposto de adquisición de vivenda protexida, os ingresos serán os que determine a súa normativa reguladora e non se aplicarán os indicados anteriormente citados.
A través deste programa, o Goberno galego ten como obxectivo facilitarlles o acceso á vivenda en propiedade a aqueles que, malia dispoñeren de recursos suficientes para asumir a hipoteca, carecen de aforros para dar unha entrada. Así, grazas a este aval poderán optar a unha hipoteca de ata o 100 % do importe de compra. Ademais, é compatible con todas as axudas que xestiona e convoca anualmente a Xunta co mesmo fin.
A convocatoria publicarase no Diario Oficial de Galicia e as solicitudes poderán presentarse a partir do 1 de abril de 2025 e rematarán o 31 de outubro de 2025 e, en todo caso, no momento do esgotamento do importe máximo de avais que se van conceder no ano 2025.