A Xunta reúne talento galego e internacional na danza, a música e as artes vivas para unha edición de Escenas do cambio con sete estreas en Galicia
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, subliña a diversidade de artistas e compañías convocados, procedentes de España, Alemaña, Australia, Bélxica, Corea do Sur, Cuba, Portugal e Suíza
- Dirixido por Kirenia Martínez, o festival programa 15 espectáculos, cinco deles estreas absolutas e dúas estreas en España, que poderán verse entre a Cidade da Cultura e o Salón Teatro do 8 ao 11 de maio
- O festival supera tamén os límites do escenario físico cun concerto único de Mercedes Peón que será retransmitido exclusivamente en liña
- As entradas están xa á venda no Museo Centro Gaiás e en Ataquilla
Estas imágenes pertenecen a Página Oficial de la Xunta de Galicia
Santiago de Compostela, 17 de marzo de 2025
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presentou hoxe a programación de Escenas do cambio 2025, festival que aposta este ano máis ca nunca por transcender os límites físicos de territorios e escenarios para a creación escénica de vangarda. Do 8 ao 11 de maio, Escenas do cambio convoca na Cidade da Cultura e o Salón Teatro a artistas procedentes de oito países (España, Alemaña, Australia, Bélxica, Corea do Sur, Cuba, Portugal e Suíza) para dar forma a unha programación composta por 15 espectáculos que hibridan danza, teatro, música e artes vivas.
Acompañaron ao representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude no acto, que tivo lugar no Museo Centro Gaiás, a directora xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Ana Isabel Vázquez, a directora artística de Escenas do cambio, Kirenia Martínez, así como Julia Laport e Mercedes Peón, dúas das artistas galegas que participarán no festival, representantes da combinación de talento novo e experiencia pola que vén apostando o evento.
Entre a nostalxia e a utopía
Kirenia Martínez debullou as propostas desta undécima edición, que agrupou conceptualmente baixo o título Lostopía, novidoso termo co que fai referencia á tensión na que habitan as sociedades contemporáneas actuais. Segundo explicou a bailarina e coreógrafa, sería este un punto entre a nostalxia polo perdido e a busca de novas identidades, entre a resistencia ao cambio e a vontade de transformación.
Neste sentido, atoparemos en Escenas do cambio obras con temáticas tan actuais como a subversión do amor romántico que propón a cantante suíza de orixe mexicana Raissa Avilés no seu atípico concerto La María, o la espeluznante seducción de una canción de amor. Tamén reflexionaremos sobre a representación das persoas racializadas nas artes e na historia a través das dúas partes do tríptico performativo Black Through Red que concibiu o artista canario Reinaldo Ribeiro.
A memoria, a identidade cultural e a utilidade da arte como experiencia compartida son a materia que leva ao escenario Amalia Fernández nos tres actos que compoñen a súa creación máis recente: Solala. Por outra banda, o grupo suízo Fluctus recorre ao humor e ao teatro físico en I'm not a hero para cuestionar directamente ao publico se merece a pena o esforzo de intentar ser heroe hoxe en día, ou é mellor deixar que outra persoa asuma o papel.
A saúde mental, os coidados e a revisión histórica con perspectiva de xénero están no centro da conferencia escénica debuxada Familia Nijinska, que propoñen as galegas VACAburra. A modo de contrapunto indómito, atopamos a reivindicación do baile e da cultura club como elementos de resistencia creativa e xeradores de comunidade que atravesan as pezas Velaiquich, Amoorch!, do novísimo Colectivo D'elas, e Exposure, colaboración internacional entre a veterana compañía Danza Contemporánea de Cuba e o Urban Arts Ensemble Rurh (Alemaña) co son en directo do prestixioso compositor e músico de cinema australiano Ben Frost.
De estrea en Escenas do cambio
Exposure é tamén unha das dúas pezas internacionais, xunto co poético solo de danza Worn Out, do grupo surcoreano Chumpan Yamoo, que terán en Escenas do cambio a súa estrea a nivel español. Por outro lado, Raissa Avilés desde Suíza e Nuisis Zobop desde Portugal escolleron Escenas do cambio 2025 para presentar ao mundo as súas últimas creacións: La María, o la espeluznante seducción de una canción de amor) e a mestura de danza e filosofía, Fuga para o tempo presente, respectivamente.
En liña co obxectivo da Xunta de Galicia por xerar espazos para o desenvolvemento da vangarda escénica, o festival contará, ademais, con tres estreas absolutas de creadoras do país: Velaiquich, Amoorch!, dirixida por Julia Laport; Baunsbak, de Elvi Balboa, e o proxecto musical O intanxible e o non mundo, de Mercedes Peón, pensado para ser retransmitido exclusivamente a través da Rede. Completa a representación galega en Escenas do cambio a performance musical Roland mon Amour, co-produción de Funboa Escénica e o Centro Dramático Nacional co apoio do Centro Dramático Galego, e o proxecto en residencia artística no Gaiás de Familia Nijinska.
Para todos os públicos
Escenas do cambio 2025 inclúe no seu programa tres actos pensados para todos os públicos: Velaiquich, Amoorch!, peza que abrirá o festival o xoves 8 de maio convocando ao público a unirse ao baile como motor creativo. Adultos e cativada poderán gozar tamén dos tres pases de So de Cop nos que Arnau Obiols recrea dentro da Cidade da Cultura o misterio e a sonoridade do bosque con pequenos enxeños mecánicos e visuais a partir pedras, madeiras, dentes, auga, caracois e outros elementos naturais. O terceiro acto será a instalación participativa Ruido, na que calquera persoa a partir dos 8 anos de idade poderá poñerse na pel do deseñador de son dun filme.
Comando dramatúrxico
Na súa segunda convocatoria, o Comando dramatúrxico configúrase como un laboratorio/escola que activará en Escenas do cambio unha serie de accións orientadas a tender pontes entre espectáculos e públicos, incluso con aquelas persoas que non poidan estar presentes e coas xeracións do futuro. Coordinado unha vez máis polo profesor, dramaturgo e escritor Afonso Becerra, o grupo organizará un encontro no domingo 11 de maio no que ofrecerá algunhas chaves da súa aventura dramatúrxica ao longo dos catro días de festival.
Toda a información da programación de Escenas do cambio está dispoñible na web da Cidade da Cultura e tamén na do festival. As entradas poden adquirirse xa no Museo Centro Gaiás e en Ataquilla.
O festival conta coa colaboración do Instituto Nacional de las Artes Escénicas y de la Música - INAEM, o Goethe Institute, a Axencia Galega das Industrias Culturais e o Centro Dramático Galego.