Medio Rural aposta por impulsar a I+D+i no agro na 2ª xornada do Foro de Innovación produtiva deste sector
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria participou esta mañá en Ribadumia na inauguración deste evento, centrado no eido vitivinícola
- Martín Alemparte subliñou que a innovación potencia a eficiencia das explotacións, incrementa a produtividade e mellora a calidade de vida

Ribadumia (Pontevedra), 13 de marzo de 2025
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, participou esta mañá na inauguración da 2ª xornada do V Foro de Innovación produtiva do sector agrario, organizado pola Xunta, e que se celebra nas instalacións da Estación Experimental de Viticultura e Enoloxía de Ribadumia (Pontevedra), adscrita a esta axencia da Consellería do Medio Rural.
Neste acto, Alemparte salientou que a industria vitivinícola enfronta retos como o cambio climático, a sustentabilidade, a dixitalización e a evolución das preferencias dos consumidores. A innovación é clave para garantir a competitividade e a calidade na produción dos viños, e puxo en valor a decidida aposta da Xunta prol de impulsar a I+D+i no sector agrario e insistiu na importancia da innovación e de aproveitar as oportunidades que ofrece. Nesta liña, sinalou que os consumidores buscan produtos de calidade, respectuosos co medio ambiente e co benestar animal, mentres que os produtores demandan, ao tempo, rendibilidade e comodidade.
Todo isto, subliñou o director, é posible grazas ás novas tecnoloxías, como a robótica ou a intelixencia artificial, que potencian a eficiencia das explotacións, incrementan a produtividade e melloran a calidade de vida. Ademais, son unha ferramenta fundamental para afrontar os retos medioambientais e de benestar animal que se lle están a esixir ao sector, remarcou Alemparte.
Catro xornadas
Este V Foro estrutúrase nun total de catro xornadas. A primeira tivo lugar na Cidade da Cultura o pasado día 27 de febreiro e contou coa presenza da conselleira do Medio Rural, María José Gómez. Esta de hoxe en Ribadumia é a segunda, e está centrada no mundo do viño. A maiores, terán lugar outras dúas xornadas máis: o 27 deste mes de marzo no Pazo de Fontefiz, en Coles (Ourense), e o 11 de abril en Ribadeo (Lugo).
O obxectivo desta iniciativa de Medio Rural é dar a coñecer ata 35 diferentes proxectos que buscan resolver os problemas do presente e do futuro deste eido produtivo. Ademais, nalgúns deles están presentes os centros de investigación dependentes da Consellería.
En particular, no programa desta xornada de hoxe en Ribadumia figura a presentación dun total de sete iniciativas, todas elas vinculadas coa viticultura e a enoloxía. Entre elas atópanse proxectos sobre tratamentos fitosanitarios, cultivo sustentable do viñedo, produción de planta de vide resistente a determinadas enfermidades ou xestión de rega.
Ademais, aproveitarase a ocasión para difundir as vantaxes do proxecto Fitovit, promovido pola Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia -adscrita a Medio Rural-. Esta iniciativa ten entre os seus obxectivos informar do risco sanitario do viñedo galego en tempo real para mellorar a eficacia dos tratamentos, aplicándoos no momento oportuno, e reducir os danos ocasionados polas enfermidades endémicas o organismos nocivos en xeral, así como o número de tratamentos fitosanitarios. Para acadar estas finalidades, púxose en marcha, no marco do proxecto, unha aplicación informática pública (web e móbil) que axudará á toma de decisións sobre a utilización de posibles tratamentos fitosanitarios no viñedo.