O director de Industrias Culturais ratifica o compromiso da Xunta cos festivais audiovisuais na presentación da 20ª Mostra de Cinema Etnográfico
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- O certame que organiza en Santiago de Compostela o Museo do Pobo Galego desenvolverase do 12 ao 16 de marzo con 13 filmes a concurso e máis de 40 pezas programadas en distintas seccións
- Na sesión inaugural poderá verse o documental histórico O carro e o home dixitalizado pola Filmoteca de Galicia
- O evento cumpre dúas décadas cunha edición que pon o foco no humor e na subversión das normas sociais
Estas imágenes pertenecen a Página Oficial de la Xunta de Galicia
Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2025
A 20ª Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego abre a vindeira semana en Santiago de Compostela o calendario anual de festivais audiovisuais que veñen recibindo o apoio da Xunta a través da liña específica de subvencións para estes eventos profesionais. A programación estenderase do 12 ao 16 de marzo con 13 filmes a concurso, máis de 40 proxeccións fóra do certame e diversas actividades paralelas para todos os públicos entre as que destaca a sesión inaugural protagonizada polo documental O carro e o home, recentemente dixitalizado pola Filmoteca de Galicia. Así se anunciou hoxe no acto de presentación no que participou o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil.
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude fixo fincapé na aposta do Goberno galego por continuar impulsando estes certames cun orzamento que en 2025 ascende a 300.000 euros. "Conscientes do papel esencial que xogan dentro do sistema audiovisual galego e da necesidade de apoio público para a súa celebración, o noso compromiso mantense firme", salientou. Ademais, Jacobo Sutil destacou o empeño do festival por expandir e darlle visibilidade a un cinema que conecta as persoas coas súas raíces culturais e coas doutros pobos e que á vez serve como ferramenta para axudar a preservar tradicións. Con respecto á vixésima edición da MICE deste ano, expresou que será a celebración de dúas décadas de compromiso co cinema etnográfico e a antropoloxía audiovisual dun festival innovador nas súas orixes e que aínda hoxe é único no seu xénero en Galicia e un dos poucos a nivel estatal.
Filmes galegos e internacionais a concurso
A 20ª Mostra Internacional de Cinema Etnográfico inclúe na sección internacional a concurso 13 títulos de distintas nacionalidades, dos que catro son galegos e os restantes proceden de Italia, Brasil, Portugal, Uruguai, Francia, España, Macedonia do Norte, Bosnia e Herzegovina. Na listaxe internacional de filmes cómpre salientar cinco estreas en España e dúas en Galicia. No que atinxe á representación galega, concursan as películas Resonancias, de Diana Gonçalves, Aurora, de Area Erina, Memoria de Soutelo, de Xoán Bregua e Corre o vento, de Paula Fuentes e Guillermo Cabrera.
O foco temático desta edición reflexiona sobre o humor na ollada etnográfica, un tema que artella os contidos das seccións Trazas e Impropias que a mostra dedica este ano á obra da guionista e directora de cinema letoa Laila Pakalnina, que presentará seis das súas pezas e conversará co público asistente ás proxeccións.
Preestrea de 'Salvaxe, salvaxe'
A mostra acollerá tamén a preestrea antes da súa exhibición en salas comerciais de Salvaxe, salvaxe, o filme gañador da Biznaga de Prata ao Mellor Documental na 27ª edición do Festival de Málaga e producido con subvención da Xunta de Galicia. Na súa primeira longametraxe, o guionista e director Emilio Fonseca adéntrase nos montes de Galicia e do norte de Portugal, onde rastrexa pegadas e ausencias do lobo ibérico, buscando afondar nas imaxes de natureza e cuestionar a relación entre humanos e non humanos.
Esta será a primeira das dúas sesións incluídas na sección paralela Lindes, que na segunda parte estará dedicada aos traballos de cineastas emerxentes do #LAB Novos Cinemas, festival convidado este ano, e que repite carácter formativo complementando a liña educativa das seccións MICE Petís e MICEscola, organizadas con centros de ensino.
Recuperación do noso patrimonio fílmico
A 20ª Mostra Internacional de Cinema Etnográfico abrirá este ano cun dos filmes fundacionais da cinematografía galega, O carro e o home, un documental que forma parte do legado que o etnógrafo ourensán Xaquín Lorenzo "Xocas" lle deixou ao Museo do que foi fundador e primeiro presidente do seu Padroado, e que serviu de inspiración para o nacemento da MICE hai agora dúas décadas. A fita orixinal foi realizada en 1940 con guión de Xocas e Antonio Román. En 1980, o etnógrafo xunto co cineasta Eloy Lozano fixo unha nova montaxe cunha sonorización menos folclorizada e con texto e locución do propio Xocas. Esta segunda versión, recentemente dixitalizada coa colaboración da Filmoteca de Galicia, protagonizará a sesión inaugural da mostra, o 12 de marzo no Teatro Principal, e contará coa participación de Pepe Coira, historiador do cinema galego e coñecedor do filme e dos seus artífices. O carro e o home é tamén o leitmotiv da imaxe gráfica e da peza audiovisual desta Mostra Internacional de Cinema Etnográfico, a cargo da cineasta e artista visual Mirian Opazo, unha das novas creadoras galegas dedicadas a indagar en cuestións como a identidade e a memoria, vencelladas sempre ao rural.