Rueda destaca que o Plan de axilización da Xunta permite aumentar un 24% os expedientes de dependencia resoltos e un 57% as resolucións de discapacidade
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- O Consello da Xunta avaliou un informe sobre os dous primeiros meses de aplicación do plan que inclúe a posta en marcha de catro novas "xefaturas de servizo discapacidade" e "o reforzo do persoal" da área de dependencia
- A conselleira de Política Social e Igualdade indica que a previsión é finalizar o trimestre con "20.000 expedientes" resoltos
- Asegura que "o 70% do persoal dos servizos de dependencia e discapacidade amosaron a súa disposición a participar no plan de incentivos"·
- En canto á mellora da coordinación sociosanitaria, estase elaborando un protocolo de colaboración co Sergas, que será asinado proximamente e que permitirá cruzar toda a información necesaria para o expediente
Estas imágenes pertenecen a Página Oficial de la Xunta de Galicia
Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2025
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a efectividade do Plan de axilización e simplificación dos trámites de dependencia e discapacidade, impulsado pola Consellería de Política Social e Igualdade e que foi posto en marcha en xaneiro. Tal e como explicou, os datos dos primeiros dous meses en vigor revelan que "as resolucións emitidas sobre o grao de discapacidade aumentaron case un 60% -respecto do mesmo periódo do anos anterior- e un 24% os expedientes resoltos sobre dependencia"
En concreto, o informe indica que desde xaneiro se resolveron 3.563 expedientes de dependencia, o que supón un 24% máis que no mesmo período do ano anterior. A estimación é que ata o 31 de marzo se poidan resolver 3.500 expedientes máis. Ademais, neste tempo emitíronse 4.555 resolucións de recoñecemento do grao de discapacidade, un 57% máis que no mesmo período de 2024. A previsión é que ao longo do mes de marzo se resolvan 2.345 expedientes máis.
Este impulso ás valoracións débese, en gran medida tal e como explicou a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabila García, "á redución ao máximo dos trámites" ao introducir o novo modelo de solicitude conxunta que xa está operativo desde o mes de xaneiro. Con este modelo só é necesario presentar a solicitude para iniciar o procedemento.
Outro dos indicadores do avance deste plan é que desde o mes de xaneiro se emitiron por homologación 6.028 novas resolucións de recoñecemento ou de revisión do grao de discapacidade a persoas con dependencia.
Así pois, a conselleira indicou que "a previsión é rematar o primeiro trimestre deste ano con máis de 7.000 expedientes de dependencia resoltos e outros 13.000 de discapacidade, o que suman un total de 20.000".
No relativo ao persoal, Rueda lembrou que "se crearon as xefaturas de servizo de discapacidade nos catro departamentos territoriais e reforzouse a área de dependencia" con 11 profesionais. Ademais destas novas incorporacións, mantéñense ata o 2027 os plans de reforzo de persoal para as valoracións, que suman máis de 100 profesionais que continúan prestando os seus servizos.
O plan tamén incluía a realización de formación específica tanto para o persoal da consellería como para o dos centros de saúde e dos concellos. Neste momento, xa se realizaron cursos presenciais para os profesionais dos equipos de valoración das catro provincias. E tamén se desenvolveron seis sesións formativas dirixidas específicamente aos servizos sociais comunitarios e de saúde en que participaron 870 profesionais. Ademais, estanse a desenvolver seminarios web para persoal administrativo e terapeutas ocupacionais.
Plan de produtividade e mellora da citación
Tamén no eido do persoal, comezou a implantación do plan de produtividade con incentivos económicos, que está a ter boa acollida. De feito, García indicou que aproximadamente "o 70% dos profesionais dos servizos de dependencia e discapacidade amosaron a súa disposición a participar neste plan".
Outro dos piares do plan posto en marcha en xaneiro é a mellora das citas. Para optimizar este servizo, implantouse un sistema de citación automática a través de mensaxes no móbil co obxectivo de axendar as citas de maneira consensuada coas familias. Nos dous primeiros meses de aplicación, "máis do 60%" -segundo explicou Rueda- das persoas que recibiron a mensaxe nos seus móbiles confirmaron ou modificaron a cita.
En canto á mellora da coordinación sociosanitaria, estase a elaborar un protocolo de colaboración co Sergas, que será asinado proximamente e que permitirá cruzar toda a información necesaria para o expediente. A principal vantaxe para o usuario é que se elimina o paso de acudir ao médico de cabeceira para solicitar o informe de saúde, que pode ser solicitado de oficio polos servizos de dependencia.
O plan tamén reforza o papel dos servizos sociais comunitarios, reducindo as súas tarefas administrativas e burocráticas para que se poidan centrar no asesoramento e atención directa ás persoas.
Por último, reforzouse a atención preferente co establecemento de tres vías prioritarias para os maiores de 80 anos ou persoas que sofren enfermidades como a ELA. Ademais, a conselleira resaltou que tamén se outorga automaticamente e sen pasar por valoración "o grao III de dependencia ás persoas con Párkinson en grao 5, con cánceres terminais, persoas encamadas ou que padezan tetraplexía" .
O informe elevado hoxe ao Consello é a primeira avaliación do Plan de axilización e simplificación dos trámites de dependencia e discapacidade, impulsado pola Consellería de Política Social e Igualdade e que comezou a aplicarse en xaneiro de 2025. O obxectivo deste plan, en que o Goberno galego inviste 90 M€, é resolver as solicitudes nun prazo máximo de seis meses.
O plan conta con sete eixos principais: reducir ao máximo a burocracia, fixar un procedemento conxunto que aforre tempos e trámites, a mellora da xestión das citas, a optimización da xestión administrativa, o reforzo do papel dos servizos sociais, o establecemento dun protocolo de colaboración entre Política Social e o Sergas e a posta en marcha dun plan de formación.