Villares destaca o traballo de Gardacostas de Galicia que permitiu salvar 1.700 vidas e ser decisivo na loita contra o furtivismo
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- Dada a importancia desta prestación en termos de seguridade cidadá, Mar destina ao seu desenvolvemento e funcionamento máis de 30 millóns de euros
- Remarca que se trata dun servizo único en España, formado por 144 efectivos, entre os que se atopa tamén o persoal de Inspección Veterinaria e os vixilantes que son contratados directamente polas confrarías, pero subvencionados pola Xunta
- Defende a colaboración institucional como a fórmula para seguir avanzando en materia de salvamento marítimo e na loita conta a contaminación mariña
Estas imágenes pertenecen a Página Oficial de la Xunta de Galicia
Vigo, 27 de febreiro de 2025
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, pon en valor o traballo que realiza as 24 horas dos 365 días do ano Gardacostas de Galicia pois, dende a súa creación, salvou a vida de máis de 1.700 persoas e ten un papel destacado na loita contra o furtivismo e en contra dos que exercen de maneira ilegal unha competencia desleal aos miles de profesionais que viven da actividade marisqueira e pesqueira, supoñendo, en consecuencia, un grave prexuízo económico para os traballadores do mar e un perigo para a saúde dos consumidores.
Concretamente, en materia de infraccións, en 2024, os profesionais deste servizo incautaron máis de 28.000 aparellos de pesca e máis de 28.000 quilos de peixe e marisco. Asemade, realizaron máis de 10.700 inspeccións e detectaron máis de 2.600 actos ilícitos. Por este motivo, e dado que estamos ante unha prestación tan importante incluso en termos de seguridade cidadá, tal e como remarcou Villares, o seu departamento destina ao seu desenvolvemento e funcionamento máis de 30 millóns de euros.
Único en España
Gardacostas é un servizo único en España. Dispón dun equipo humano de alta especialización técnica e conta cos mellores materiais e cunha frota, cuxa renovación é un asunto no que se segue avanzando dende a Consellería. Está composto por 144 efectivos, que se reparten entre os servizos centrais, en Santiago de Compostela, e as noves bases operativas, situadas en Celeiro, Ferrol, A Coruña, Muxía, Portosín, Ribeira, Vilaxoán, Pontevedra e Vigo. Nos últimos anos tamén se reforzou a área de Inspección Veterinaria, ata alcanzar un corpo de 23 profesionais para mellorar a trazabilidade co control dos produtos que chegan ao mercado. A Consellería tamén subvenciona os vixilantes que son contratados directamente polas confrarías.
En canto aos medios técnicos dos que dispón, estes divídense en: navais (3 buques multipropósito, 9 patrulleiras e 11 planeadoras semirríxidas e forabordas), aéreos (helicópteros Pesca 1, con base en Vigo; e Pesca 2, con base en Celeiro) e terrestres (69 vehículos, 4 camionetas, 2 camións e 3 naves nas bases de Tragove, Sada e Celeiro).
Colaboración institucional
Na clausura da Xornada Seguridade e Defensa Marítima en Europa, organizada pola Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (Asime), o responsable autonómico tamén destacou que é na colaboración institucional e nos modelos actuais de Gardacostas onde se pode seguir afondando en materia de salvamento marítimo e na loita contra a contaminación mariña, dispoñendo, en paralelo, cun réxime específico para a frota e as tripulacións, e reforzando como fixo a Consellería a cooperación deste servizo cos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado.
Organizadores
Asime, fundada en 1977, está formada por máis de 600 empresas, representativas das actividades de automoción; naval, marítima e enerxías mariñas; seguridade e defensa; contrucións e estruturas metálicas; aeronáutica e aluminio, que dan emprego a máis de 58.500 traballadores. En Galicia, están integradas nesta entidade 270 empresas da industria naval, auxiliar e complementaria.