A Xunta axilizará de marzo a xuño a aplicación de medidas de control sobre as poboacións do xabaril tendo en conta a información dispoñible en cada zona
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- Marisol Díaz traslada que esta primavera, coincidindo coa sementeira do millo, as catro xefaturas territoriais aplicarán unha instrución interna para tentar resolver en menos de 24 horas, en días hábiles, as solicitudes de accións preventivas e paliativas
- Tramitaranse en primeira instancia as peticións recibidas por correo electrónico e poderanse constatar os danos mediante calquera medio válido en dereito, incluídas denuncias de particulares, avisos ao 012, emails ou imaxes de terreos afectados
- A responsable autonómica apela á colaboración de todos os colectivos presentes para encarar o problema de forma transversal, ao tempo que se compromete a avaliar todas as propostas e trasladarllas aos departamentos da Xunta implicados

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2025
A Xunta aplicará a partir do 1 de marzo un paquete de medidas de reforzo para o control do xabaril valorando a tal fin toda a información da que se dispoña sobre os danos existentes en cada zona, o que permitirá axilizar a posta en marcha deste tipo de accións. A medida, de aplicación no conxunto da Comunidade, estará vixente ata o 30 de xuño, unha época do ano crítica xa que coincide coa sementeira e co período de reprodución das especies silvestres.
Así o expuxo a directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, quen presidiu esta mañá a reunión do grupo de traballo para a xestión do xabaril, integrado por representantes das administracións titulares de estradas en Galicia (Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible e Axencia Galega de Infraestruturas); da Garda Civil de Tráfico e de Seprona; da Unidade de Policía Adscrita de Galicia; das Consellerías do Medio Rural e de Sanidade; da Fegamp; da Federación Galega de Caza; e dos sindicatos e organizacións agrarias (Unións Agrarias, Asaga e Sindicato Labrego Galego).
No transcurso da xuntanza, os asistentes analizaron a situación actual do xabaril en Galicia e a aplicación de novas medidas para garantir o seu control, ao tempo que coincidiron na necesidade de avanzar na coordinación entre todas as partes implicadas.
Neste sentido, a directora xeral fixo fincapé no esforzo económico realizado nos últimos anos pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, con case 17 millóns de euros destinados desde 2016 ás axudas de prevención e compensación dos danos producidos por esta especie sobre cultivos e granxas.
Como exemplo das medidas implementadas, explicou que entre os meses de marzo e xuño as autorizacións destas medidas de reforzo para o control e prevención de danos realizaranse de xeito inmediato. Así, no caso de días hábiles a solicitude deberá realizarse cunha antelación de 24 horas respecto á data na que se quere realizar a medida de control e de 48 horas se coincide cunha xornada inhábil.
En aras de garantir esta axilidade, poderán constatarse os danos (puntuais ou recorrentes) mediante calquera medio válido en dereito, incluídas denuncias, avisos ao 012, emails ou imaxes de terreos afectados, e ademais, en primeira instancia, admitiranse peticións de accións de control recibidas por correo electrónico —aínda que posteriormente os interesados deberán achegar a solicitude debidamente rexistrada—.
Ademais, Marisol Díaz avanzou que o funcionamento da instrución será avaliado con reunións de coordinación nas xefaturas territoriais nas que participarán tamén representantes dos principais sectores afectados en cada provincia.
Entre as accións de reforzo autorizables nos próximos catro meses, un dos períodos no que se concentran os danos nos cultivos, inclúense accións paliativas tras producirse os danos e tamén preventivas, sempre que se axusten ao marco normativo vixente: en concreto, poderán autorizarse de inmediato batidas (con armas ou na modalidade disuasoria), esperas, desencame de xabarís con cans atrelados e outras accións excepcionais en determinado tipo de terreos, como a instalación de gaiolas trampa.
Precisamente, a directora xeral lembrou que a Xunta colabora desde 2023 cos concellos a través do subministro e colocación deste tipo de gaiolas en zonas urbanas e periurbanas onde as accións de control fronte á fauna silvestre están moi limitadas por razóns de seguridade. Esta medida, tal e como indicou, aplicouse xa con bos resultados en Arteixo, Sada, Oleiros ou O Grove e segue á disposición dos municipios interesados.
Propostas e labor da actividade cinexética
Pola súa parte, os representantes dos distintos colectivos e administracións presentes na reunión expuxeron varias propostas e métodos de control do xabaril que se poderían aplicar en Galicia. Neste sentido e en calquera caso, todos destacaron a importancia da actividade cinexética e o labor dos cazadores para o control das poboacións da especie e a necesidade de seguir avanzando en medidas complementarias ás xa instauradas.
A directora xeral, pola súa parte, agradeceu a colaboración de todos os colectivos implicados na xestión da situación, incidindo na importancia de afrontala de forma coordinada e transversal. Na mesma liña, agradeceu todas as propostas recibidas hoxe e comprometeuse a avalialas así como a trasladar para a súa valoración aquelas achegas que, por razón de competencia, lle corresponden a outros departamentos da Xunta.
De feito, os representantes das administracións responsables das estradas galegas expuxeron que están a traballar nalgunha medida nova para reducir o acceso destes animais ás vías de comunicación e deste xeito, minimizar o risco de accidentes.
Así mesmo, a directora xeral insistiu na necesidade de que os concellos manteñan limpas e rozadas as zonas urbanas e periurbanas dos seus municipios xa que adoitan servir de encame ao xabaril e propician o seu acercamento aos núcleos poboados, lembrando que é a súa obriga como administración competente nestes ámbitos.
Por último, Marisol Díaz tamén trasladou ao grupo de traballo a posibilidade de estudar a futuro unha ampliación dos seus actuais membros mediante a incorporación de novas entidades co fin de enriquecer e seguir potenciando o enfoque multidisciplinar deste órgano, impulsado hai anos para consensuar e poñer en marcha un paquete de medidas para controlar unha posible superpoboación do xabaril, eliminando ou minimizando os danos que esta poida ocasionar en Galicia.