A oferta turística galega no peto coas apps de Turismo de Galicia
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- A Axencia conta con ferramentas específicas coas que deseñar unha experiencia a medida, facilitando a organización de percorridos e aloxamento
- Inclúense apps centradas en enoloxía, ornitoloxía ou o sendeirismo e no Camiño de Santiago, entre outras
Estas imágenes pertenecen a Página Oficial de la Xunta de Galicia
Santiago, 22 de febreiro de 2025
As canles dixitais supoñen hoxe en día unha das principais vías de información e de resolución de dúbidas para os viaxeiros. Co obxectivo de facilitar esta práctica e de facilitar de xeito áxil unha experiencia personalizada, Turismo de Galicia desenvolveu varias aplicacións móbiles que permiten a quen visita a terra levar 'Galicia no peto'.
Mediante estas apps pódese consultar información actualizada e detallada sobre a oferta turística de cada zona. Isto inclúe percorridos ou visitas de tipo cultural e natural, así como o acceso a recursos de aloxamento e restauración ou a outra información de servizo á hora de organizar unha viaxe, como pode ser a meteoroloxía. Asemade, Turismo de Galicia pon a disposición das persoas usuarias aplicacións máis concretas, centradas en propostas como poden ser o enoturismo, a observación de aves, o sendeirismo ou o turismo de saúde.
A aplicación principal á hora de organizar unha visita á comunidade é a propia de Turismo de Galicia. A app facilita tanto a planificación previa como a xestión sobre o terreo. Conta con información sobre puntos de interese que visitar, con funcionalidade de geolocalización, coa que descubrir lugares que se atopen preto da persoa usuaria. Tamén inclúe propostas de aloxamento e gastronomía e apuntes sobre patrimonio cultural, como festas, artesanía, museos e sitios arqueolóxicos.
Oferta turística específica
Entre as ferramentas enfocadas a un tipo concreto de oferta turística destacan a de Enoturismo en Galicia, Galicia Birding, Sendegal e Galicia Termal. Destinada a amantes do viño, na app de Enoturismo en Galicia explícanse os diferentes roteiros do viño en Galicia, adegas, eventos relacionados e puntos de interese nas zonas vitivinícolas. Galicia Birding céntrase no turismo ornitolóxico, con mapas interactivos e datos actualizados sobre a avifauna galega. Sendegal detalla as propostas de sendeirismo homologadas na rexión, con información topográfica, perfís altimétricos, descricións e puntos de interese de cada roteiro. Por último, a aplicación Galicia Termal inclúe a oferta de balnearios, talasos e centros de spa da comunidade.
Desde a Xunta cóntase, ademais, coa aplicación Euro-rexión, centrada na promoción da Eurorexión Galicia-Norte de Portugal como área de interese. Nela faise fincapé na información sobre roteiros transfronteirizos, eventos culturais, gastronomía e patrimonio compartido entre ambas as rexións. A aplicación de Parques de Galicia axuda a organizar as visitas aos espazos protexidos naturais da rexión mediante roteiros sendeiristas, flora e fauna, áreas recreativas e normas de uso.
Ademais destas, a aplicación oficial do Camiño de Santiago en Galicia constitúe unha ferramenta fundamental para as persoas que opten por estas vías para visitar a terra. Contempla datos de rutas e etapas e permite crear notas.
O abano de apps complétase cunha serie de instrumentos a través dos que coñecer aspectos básicos para unha experiencia óptima. A aplicación do Transporte Público de Galicia informa sobre as liñas dispoñibles, horarios, roteiros e paradas de autobuses e trens. Meteogalicia, da Axencia Galega de Meteoroloxía, achega previsións meteorolóxicas detalladas, alertas e datos en tempo real. Coa Axenda Cultural de Galicia pódese afondar na proposta de eventos musicais, teatrais, artísticos e doutra tipoloxía para poder planificar con tempo a asistencia.
Todas estas aplicacións pódense descargar na web www.turismo.gal.