A Xunta reforzará a colaboración coas asociacións de pacientes e a formación continuada dos profesionais para manter os niveis de excelencia no eido da doazón e os transplantes
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- Marisa López remarca que os doentes esperan hoxe en Galicia a metade que hai dez anos e agarda manter a tendencia descendente e optimizar os tempos de espera para transplantes
- Pon en valor os datos acadados en 2024, con 424 transplantes de órganos, cun 28 % máis que no 2023
- Incide en que as negativas familiares, que noutro tempo teñen sido un importante escollo para o programa de doazón en Galicia, consolidan a súa tendencia descendente
Estas imágenes pertenecen a Página Oficial de la Xunta de Galicia
Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2025
A directora da Axencia galega de doazón de órganos e sangue (ADOS), Marisa López, detallou hoxe, na Comisión 5 ª de Sanidade do Parlamento de Galicia, os retos e obxectivos de futuro da Xunta en materia de transplantes, incidindo na importancia de manter os niveis de excelencia acadada, que posicionan á comunidade galega como un referente.
Tras acadar a comunidade galega o fito dos 10.000 transplantes realizados, Marisa López dixo que a intención do Executivo galego é seguir a informar e sensibilizar á sociedade para propiciar unha conciencia proclive á doazón e diminuír, aínda máis, as negativas familiares á doazón.
A Axencia galega de doazón de órganos e sangue reforzará, ademais, a colaboración coas asociacións de pacientes transplantados, traballando a través dos programas de aprendizaxe e sensibilización, coa participación no Programa salvavidas do Plan Proxecta e por medio das charlas na escola impartidas por profesionais e doentes.
Igualmente, é intención do departamento sanitario galego manter a formación continuada de todos os seus profesionais, residentes, coordinación autonómica e hospitalaria, xunto coa Organización Nacional de Transplantes, na xestión de comunicación e doutros aspectos médicos legais no ámbito da doazón.
Xunto ao anterior, Sanidade potenciará a capacitación dos equipos dos programas de transplantes para manter os niveis de excelencia dos profesionais que permitan consolidar e mellorar os resultados acadados.
Marisa López incidiu, así mesmo, en que Galicia aspira a manter a tendencia descendente e optimizar os tempos de espera para transplante. Remarcou, nesta liña, que os doentes agardan hoxe en Galicia a metade que hai dez anos.
Incremento das tarxetas de doador
A directora de ADOS remarcou que, na actualidade, Galicia dispón de máis de 127.000 tarxetas de doador recollidas na base de datos de coordinación autonómica, o que reflicte a vontade de ser doante.
Na súa intervención no Pazo do Hórreo, Marisa López puxo en valor os datos acadados en 2024, con 424 transplantes de órganos, un 28 % máis que no 2023, o que supón un récord absoluto na comunidade, cunha taxa 24 puntos por riba da media do Estado.
Tal e como detallou a directora de ADOS, os datos reflicten o crecemento en todos os programas de transplantes en 2024. En concreto, rexistráronse 208 transplantes renais, cun incremento do 24 % con respecto ao 2023; 64 pulmonares dos que 36 foron bipulmonares, o que supón 31 % máis que o ano anterior e duplica a media española; 118 hepáticos, 34 % máis que no 2023 e 17 puntos por riba do Estado; e 30 transplantes cardíacos, un 36 % máis que o ano anterior e 4 puntos por riba da media estatal. Ademais de catro hepáticos que igualan a cifra do ano anterior.
Así mesmo, incidiu en que as negativas familiares, que noutro tempo teñen sido un importante escollo para o programa de doazón en Galicia, consolidan a súa tendencia descendente, situándose en taxas semellantes á media nacional.