A Xunta renova o seu compromiso como patrocinador principal do Mundial de Motocross que se celebrará en Lugo
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- O acordo anunciouse hoxe nunha xuntanza na Delegación Territorial con representantes das entidades organizadoras, Motopark e Last Lap
Estas imágenes pertenecen a Página Oficial de la Xunta de Galicia
Lugo, 19 de febreiro de 2025
A Xunta de Galicia renova o seu compromiso como patrocinador principal da proba do Campionato Mundial de Motocross que se vai celebrar en Lugo, segundo anunciou hoxe o delegado territorial, Javier Arias, tras unha xuntanza na Delegación con representantes da organización.
Na reunión participaron Miguel Ángel Vázquez e Martín Pérez, presidente e secretario respectivamente da entidade deportiva MotoPark, que promove a cita lucense; tamén Diego Muñoz en representación de Last Lap, a axencia de eventos encargada do premio de España de MXGP, e a vicepresidenta do Parlamento galego, Elena Candia.
Arias sinalou que a cidade repite como sede do mundial "grazas ao nivel que demostramos o pasado ano na nosa estrea, froito dun traballo ben feito capitaneado por Motopark co respaldo da Xunta de Galicia". Neste sentido, manifestou que "na presente edición afianzamos a nosa implicación como socios principais na organización dun evento que sitúa a Lugo na primeira liña deste deporte".
O espectáculo do motocross recalará os días 10 e 11 de maio no circuíto Jorge Prado coa disputa dos mundiais absolutos de MXGP, MX2 e WMX así como unha proba do campionato europeo de 250 c.c. As entradas xa están á venda nas distintas modalidades, xeral, tribuna e VIP.
Concorrerán algúns dos mellores pilotos do mundo, como o galego Rubén Fernández na MXGP -principal categoría masculina- e a catalá Daniela Guillén, vixente subcampioa do mundial WMX -categoría feminina-. O actual campión do mundo de MXGP é precisamente o piloto lucense Jorge Prado, que esta tempada compite na Supercross de Estados Unidos.
O evento xerou o pasado ano un retorno económico directo na hostalería e servizos locais que se cuantificou en máis de 4 millóns de euros, grazas á presenza na cidade de máis dun cento de pilotos cos seus respectivos equipos e de milleiros de afeccionados.
Ademais, impulsa a proxección internacional de Lugo e Galicia tanto no ámbito turístico como no deportivo, "apuntalando a nosa posición como referentes nos deportes de motor", afirmou o delegado. Neste sentido, lembrou que España acolle dúas citas do mundial, en Madrid e Lugo, dentro dun calendario que contempla unha vintena de probas en 18 países, "situando a nosa provincia entre os mellores escenarios do motocross mundial".