A Xunta salienta que Galicia é pioneira en España cun ente certificador de destilados de derivados vinícolas
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, destacou o traballo do consello regulador das Indicacións Xeográficas dos Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia nunha visita a unha adega de Vedra recoñecida co Premio Alimentos de España
- Actualmente hai 133 produtores, 15 destiladores e 22 elaboradores e envasadores rexistrados neste consello regulador e no 2023 certificouse unha produción de máis de 368.500 litros destes produtos, cun valor económico estimado de máis de 4 M€
- Neste acto, Gómez reafirmou o apoio da Xunta ás producións galegas de calidade diferenciada, con medidas de fomento e promoción como as Catas de Galicia ou a presenza en feiras, caso de Madrid Fusión, o salón Gourmets ou a Barcelona Wine Week
Estas imágenes pertenecen a Página Oficial de la Xunta de Galicia
Vedra (A Coruña), 19 de febreiro de 2025
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, destacou hoxe que Galicia é pioneira como a primeira comunidade española en contar cun organismo que certifica os destilados de derivados vinícolas, como é o consello regulador das Indicacións Xeográficas dos Augardentes e Licores Tradicionais. Nunha visita á adega Augardentes de Galicia, situada en Vedra e na que estivo acompañada polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, e polo alcalde da localidade, Carlos Martínez, a conselleira destacou este feito como demostración da aposta dos produtores e comercializadores destes produtos pola calidade diferenciada.
No acto, no que tamén participou José Martí, responsable da Indicación Geográfica Protegida Ratafía Catalana, a titular de Medio Rural valorou que o selo galego agrupa catro indicacións xeográficas (Orujo, Augardente de herbas, Licor café e Licor de herbas) "que fan que o nome de Galicia sexa recoñecido entre as mellores augardentes". Así, ilustrou esta afirmación cos principais datos do consello regulador: actualmente hai 133 produtores, 15 destiladores e 22 elaboradores e envasadores rexistrados. No ano 2023 certificouse unha produción de máis de 368.500 litros destes produtos, cun valor económico estimado de máis de catro millóns de euros.
Premios á adega de Vedra
En concreto, a conselleira recoñeceu tamén "o bo facer" desta adega de Vedra e puxo de relevo que Augardentes de Galicia recibiu multitude de galardóns, entre eles o Pote de Ouro polo seu augardente Vedra do Ulla na última edición das Catas de Galicia, un premio que tamén acadou no ano 2022. Máis recentemente foi recoñecida, ademais, co Premio Alimentos de España á Mellor Bebida Espirituosa con Indicación Xeográfica 2024, no evento organizado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.
Neste contexto, María José Gómez, reafirmou o apoio da Xunta ás producións galegas de calidade diferenciada, con medidas de fomento e promoción. Sobre estas últimas, salientou por exemplo a importancia de certames como as Catas de Galicia -e dentro delas as Catas dos Viños, Licores e Augardentes tradicionais- para poñer en valor a excelente calidade alimentaria da nosa comunidade. Así mesmo, destacou tamén a presenza en feiras sectoriais, caso de Madrid Fusión, o salón Gourmets ou a Barcelona Wine Week, celebradas recentemente e coas que se mellora a comercialización destes produtos e se pon en valor o bo facer dos seus produtores.
Variedade de produtos
Na mesma liña, a conselleira subliñou que a gastronomía galega e a súa calidade diferenciada son amplas e diversas e que a nosa comunidade pode presumir dunha ampla variedade de produtos agroalimentarios, concretamente de ata 36 denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas, que fan que a despensa galega sexa "envexable" fóra das nosas fronteiras.
María José Gómez engadiu que estes selos poden complementarse, a maiores, cos distintivos de Artesanía Alimentaria e Agricultura Ecolóxica, ofrecéndolle unha dobre dimensión de calidade ás elaboracións, cun gran atractivo para as persoas consumidoras finais.