Gómez Caamaño asina un acordo pioneiro cos colexios farmacéuticos para comezar o 24 de febreiro a facilitar a renovación de receitas de medicamentos non demorables
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- Esta vía excepcional busca resolver con axilidade situacións urxentes cando a persoa que acode á farmacia non dispoña da medicación para as 72 horas seguintes e iso poida provocar efectos non desexados para a súa saúde
- O conselleiro destaca que este novo servizo aos pacientes evitará miles de citas forzadas co médico de familia
- Explica que o Servizo Galego de Saúde realizou o ano pasado 3 millóns de consultas para renovación de receitas en atención primaria, delas, 315.000 non foron programadas
Estas imágenes pertenecen a Página Oficial de la Xunta de Galicia
Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2025
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, asinou esta mañá cos catro colexios oficiais de farmacéuticos un convenio de colaboración pioneiro para poñer en marcha o novo programa da Xunta para a renovación de medicación non demorable a partir do próximo luns 24 de febreiro.
No acto participaron a secretaria xeral técnica da Consellería, Natalia Lobato, a directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Sofía López Linares, e os presidentes dos colexios provincias da Coruña, Sara Catrain; de Lugo, Alejandro Sánchez; de Ourense, Santiago Leyes; e de Pontevedra, Beatriz García.
Grazas a este acordo, ábrese unha vía excepcional que permitirá, desde un punto de vista clínico, evitar que un paciente suspenda o tratamento no caso de medicación non demorable que podería provocar efectos non desexables para a súa saúde. Ademais, reduciranse miles de citas forzadas de medicina de familia para a renovación de receitas.
No ano 2024, o Servizo Galego de Saúde realizou 3 millóns de consultas para a renovación de prescrición farmacéutica en atención primaria; delas, 315.000 foron forzadas para renovar receitas de todo tipo, é dicir, consultas non programadas.
Prescrición excepcional telefónica
Co novo programa que se porá en marcha a próxima semana, o persoal farmacéutico verificará que o paciente non dispón de medicación para as 72 horas seguintes, que o fármaco forma parte da listaxe de non demorables e chamará ao médico técnico de saúde que o Servizo Galego de Saúde facilita para confirmar que se cumpren as premisas para a renovación de receita.
Polo tanto, as farmacias disporán dun teléfono para poñerse en contacto co médico técnico en saúde en horario de 9:00 a 21:00 horas, de luns a venres. Deste xeito, a idea é que o paciente saia da farmacia coa súa medicación. En todo caso, esta será unha vía excepcional só para os casos en que suspender o tratamento supoña un alto risco para o paciente.
A relación de medicamentos contemplados como non demorables inclúe determinados fármacos para terapia antidiabética, terapia antiepiléptica e anticonvulsivante só para tratamento da epilepsia, terapia antipsicótica na enfermidade psiquiátrica e demencia, terapia inmunosupresora do paciente transplantado e terapia cardiovascular.
Gómez Caamaño agradeceu publicamente a disposición dos colexios farmacéuticos a colaborar coa sanidade pública galega.
A colaboración entre a Xunta e as farmacias esténdese a outros programas, como os sistemas personalizados de dosificación de medicamentos, a vixilancia dos efectos adversos dos medicamentos ou a rede pioneira de farmacias sentinela que se puxo en marcha nesta campaña da gripe.