A Xunta lidera unha estratexia de impulso da Reserva da Biosfera Gerês-Xurés coa que optar a 30 millóns de euros de fondos europeos
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- A planificación, liderada polo Executivo galego e co Instituto de Conservaçao da Natureza e Forestas de Portugal como socio, favorecerá o aspecto ambiental ao tempo que promoverá as actividades socioeconómicas na zona
- Ángeles Vázquez salienta que esta ferramenta contará coa participación tanto de expertos na materia como de representantes municipais e axentes locais da área de influencia da reserva de biosfera galego-portuguesa
- O Goberno autonómico aposta pola suma de esforzos ao abeiro da Rede de Reservas da Biosfera de Galicia para acadar a creación da oitava reserva galega e conseguir que máis da metade do territorio galego conte con algunha figura de protección
Estas imágenes pertenecen a Página Oficial de la Xunta de Galicia
Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2025
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, presidiu hoxe a sinatura dun convenio de colaboración entre Galicia e Portugal para a elaboración dunha estratexia de impulso á Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés coa que este espazo protexido poderá optar a 30 millóns de euros de fondos europeos.
A Estratexia de Desenvolvemento Territorial da Área Funcional da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés (Egexur) estará liderada pola Xunta, a través da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, e terá como socio luso ao Instituto de Conservaçao da Natureza e Forestas de Portugal. De feito, o acordo de colaboración foi asinado pola directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, e pola directora da Rexión Norte do instituto portugués, Sandra Sarmento.
A responsable autonómica explicou que esta iniciativa impulsará a conexión dos 11 municipios galegos e portugueses que integran a reserva transfronteiriza tendo como eixo principal o aspecto ambiental e favorecendo a restauración e conservación dos ecosistemas existentes no ámbito da reserva. Ao mesmo tempo, a planificación terá en conta o impacto turístico co fin de promover as actividades socioeconómicas na zona.
A estratexia deseñarase nos próximos meses mediante a celebración de distintas reunións con expertos na materia -como recoñecidos investigadores de universidades da eurorrexión con experiencia no desenvolvemento de liñas de traballo conectadas coa reserva da biosfera- ou representantes dos municipios e axentes locais para identificar posibles problemáticas existentes.
A realización deste plan e a súa posterior aprobación permitirá ao territorio optar este ano a fondos do Programa de Cooperación Transfronteiriza Interreg España-Portugal (Poctep), que conta con máis de 30 millóns de euros para as áreas funcionais do espazo transfronteirizo de España e Portugal. Delas, a Reserva da Biosfera Gerês-Xurés destaca pola súa singularidade e dimensión cunha extensión de preto de 260.000 hectáreas de superficie (máis de 63.000 hectáreas en territorio galego) sendo ademais unha das tres reservas da biosfera transfronteirizas entre España e Portugal.
Rede de reservas
Ángeles Vázquez tamén presidiu hoxe a reunión ordinaria do Comité de Coordinación da Rede de Reservas da Biosfera de Galicia, onde apostou pola suma de esforzos desde todos os ámbitos para acadar a creación da oitava reserva da biosfera da comunidade e avanzar así na protección do patrimonio natural galego.
A responsable autonómica lembrou que a Xunta consignou nos orzamentos deste ano 80.000 euros para o impulso desa oitava zona protexida que tería como núcleo a zona do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e estendería a súa área de influencia desde Baiona ata Porto do Son por toda a costa.
Ángeles Vázquez puxo en valor que o 42% do territorio galego está amparado na actualidade por algunha figura de protección e que a creación desta oitava reserva elevaría esa porcentaxe por enriba do 50%, o que suporía avanzar na harmonización da conservación dos espazos naturais co desenvolvemento económico e social da comunidade autónoma. De feito, esta oitava reserva englobaría máis de 90.000 hectáreas de superficie, o 92% delas no ámbito marítimo.
Nesta liña, a titular de Medio Ambiente e Cambio Climático salientou o papel da Rede de Reservas da Biosfera de Galicia tanto na suma de esforzos como para reforzar a posición e a imaxe ante os organismos internacionais, especialmente ante os que dependen da Unión Europea. Ao mesmo tempo permite crear vínculos de cooperación e avanzar en eidos de interese común como a gobernanza, a implicación da mocidade, a creación de marcas de calidade ou a posta en valor dos espazos protexidos galegos en todo o mundo.