O ciclo 'Clásicas desfeitas' impulsado pola Xunta de Galicia reivindica un retrato máis humano de Ricardo III e de Medea en dúas innovadoras pezas escénicas
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- 'Mala vida e pior morte do rei Ricardo III' abre o ciclo cunha interpretación audaz e humorística de Evaristo Calvo que fai fronte á lenda negra da traxedia shakesperiana
- Helena Varela e Laura Porto reconstrúen en 'Medea-Mamá-Monstro' a identidade da figura mitolóxica nunha obra que combina teatro, 'freak show' e robótica
- Esta iniciativa da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude céntrase en redescubrir clásicos a través das linguaxes da escena contemporánea
- Ambos espectáculos empregarán espazos singulares do Gaiás na súa estrea este febreiro e as entradas poden adquirise xa en Ataquilla e no Museo Gaiás
Estas imágenes pertenecen a Página Oficial de la Xunta de Galicia
Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2025
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude promove dúas novas creacións escénicas dentro de Clásicas desfeitas, o ciclo de co-producións iniciativa do Centro Dramático Galego coa Cidade da Cultura. Nesta ocasión, as obras revisan a figura histórica e literaria de Ricardo III e o mito de Medea, para propoñer dous retratos máis humanos de ambos personaxes empregando linguaxes e ferramentas do teatro contemporáneo, que terán a súa estrea este mes de febreiro no Gaiás.
Mala vida e pior morte do rei Ricardo III é o título da peza que compón o volume XII das Clásicas desfeitas, producida pola compañía Excéntricas. O actor e dramaturgo Evaristo Calvo —un dos fundadores do dúo cómico Mofa e Befa— métese na pel do monarca inglés para contarnos unha versión da súa vida que confronta a da traxedia teatral de William Shakespeare e combina humor, lirismo e un marcado tenebrismo na súa posta en escena.
A baixo-cuberta do edificio da Biblioteca de Galicia será o singular escenario do Gaiás no que se presentará a obra ao público os días 21 e 22 de febreiro, con dous pases ás 18,00 e ás 20,00 horas cada día.
Residencias artísticas do Gaiás
Na creación da peza participa un colectivo artístico amplo e multidisciplinar que está a traballar estes días no marco das Residencias Artísticas do Gaiás. Ao cargo da dirección escénica están o seu intérprete, Evaristo Calvo, o director, actor, improvisador e pallaso Antón Coucheiro, e a directora e creadora Alessandra García, gañadora do Premio Max das artes escénicas e do premio El Ojo Crítico de Teatro de RNE en 2022.
A poeta e escritora María Lado participa con Evaristo Calvo na dramaturxia da obra, e a produción conta co asesoramento da recoñecida directora Ana Vallés na parte teatral, e da profesora e investigadora da USC, Cristina Mourón Figueroa no apartado histórico.
As pezas para construír unha nova Medea
A segunda obra que completa esta edición do ciclo será Medea-Mamá-Monstro, volume XIII de Clásicas desfeitas, creación da actriz e produtora Helena Varela e a dramaturga Laura Porto. Unha experiencia escénica que mestura o falso documental co freak show para reunir as pezas coas que compoñer un retrato máis complexo da personaxe mitolóxica.
Arquetipo da muller que consuma unha terrible vinganza en resposta á traizón do seu namorado, para construír esta nova Medea as artistas recorren a fontes literarias diversas, aos testemuños de veciñas e familiares, —como os seus fillos, avós ou o seu ex-marido, Xasón—, e incluso a un intento de resucitala empregando a robótica.
A obra terá dúas funcións, os días 28 de febreiro e 1 de marzo, ás 19,00 horas, e empregará como escenario as zonas de almacén do viveiro e espazo de incubación de proxectos do Centro de Emprendemento Creativo.
As entradas para Mala vida e pior morte do rei Ricardo III e para Medea-Mamá-Monstro están xa á venda, a un prezo de 9 €, en Ataquilla e no despacho de billetes do Museo Centro Gaiás.