A Xunta concede o VII Premio CGAC de Investigación e Ensaio ao doutor en Historia da Arte Sergio Meijide
Resumen autogenerado por OpenAI
Audios generados (reproducción automática)
Los audios se reproducen de forma automática uno detrás de otro. Haz clic en el icono para descargar el audio o aumentar/disminuir la velocidad de reproducción.
Debido al tamaño del artículo, la generación del audio puede tardar unos segundos y es posible que se generen varios audios para un mismo artículo.
- A obra premiada, 'Parlamentos de xeo (e outras friccións teóricas de arte do século XXI)', aborda as transformacións acontecidas na teoría e na práctica artística recente
- O galardón, dotado con 3.000€, enmárcase no labor editorial desenvolvido pola entidade que xestiona o Goberno galego a prol do coñecemento e o acceso público á arte contemporánea
Estas imágenes pertenecen a Página Oficial de la Xunta de Galicia
Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2025
A Xunta vén de conceder o VII Premio CGAC de investigación e ensaio ao doutor en historia da arte Sergio Meijide, polo traballo Parlamentos de xeo (e outras friccións teóricas da arte do século XXI) que acadou a máxima puntuación por parte do xurado. O Diario Oficial de Galicia publica a resolución deste galardón, dotado con 3.000 euros.
A decisión foi adoptada por unanimidade polo xurado presidido polo director do Centro de Arte Contemporánea, Santiago Olmo, e integrado pola profesora e escritora, Teresa Moure, e a historiadora da arte e profesora, María Álvarez Cebrián. Todos eles valoraron especialmente a calidade literaria do texto e a boa documentación que aborda as transformacións acontecidas na teoría e na práctica artística coa chegada do século XXI.
Tal e como salientaron, Parlamentos de xeo conta cun relato non lineal, onde o autor pretende dar conta dalgunhas das tensións que subxacen ás mutacións teóricas e formais da arte recente. Afonda no final da posmodernidade fronte ao novo marco de pensamento inaugurado no cambio de milenio, a tensión entre o realismo especulativo e a teoría poscolonial e os debates que se derivan dela. Todo iso, para explicar como a arte contribúe aos debates do pensamento e subliñar a súa capacidade para conectar coas preocupacións máis urxentes da sociedade actual.
Ao igual que as obras galardoadas en edicións anteriores, o texto de Sergio Meijide publicarase dentro da serie CGAC_Ensaio, unha colección que naceu vinculada ao Premio CGAC de investigación e ensaio sobre arte contemporánea coa vontade de apostar pola creación ensaística en lingua galega.
Sobre o autor
Sergio Meijide Casas, nado na Coruña en 1996, é doutor en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, onde investigou o campo da estética e a teoría da arte. Ademais, publicou en revistas de alto impacto, foi comisario de varias exposicións, participou en numerosos congresos internacionais e realizou estadías de investigación en Francia, Inglaterra e Portugal. Tamén é co-editor de Ruinas y descampados. Contra-historia del paisaje 1 (Abada, 2024) e actualmente colabora co departamento de Arquitectura do Centre Pompidou de París.
Premiados nas edicións anteriores
O Premio CGAC de Investigación e ensaio sobre arte contemporánea creouse en 2018 co obxectivo de promover a creación ensaística en lingua galega no ámbito das artes e a cultura contemporánea. Os textos premiados ata o momento son: A arte está feita dunha materia incerta e fragmentaria, de Rosendo Cid; Tigres en magnolias. A maxia como transformación na arte contemporánea, de María Marco Covelo; Memoria do azul. A afección do contemporáneo, de Laura Calvo Gens; O menor: procesos a-significantes na arte contemporánea, de Matías G. Rodríguez-Mouriño; A caverna baleira. Catálogo de arte inmaterial, imposible e inexistente, de Jorge Fenández Gonzalo, e A escola da noite, de Aitor Marcos.